Nunha pequena aldea que hai cerca da Cruña vivía unha familia que lle chamaban "a da rúa". Non sei por qué. Na aldea non había rúas , como as non hai en ningunha aldea. Sitios por alí que tiveran este nome tampouco sei de ningún. O caso é que para referir-se a calquera dos da familia, despois de nomeá-lo, encanabamos: "a da rúa", ou "o da rúa", según que fose muller ou home. Compoñía-se dun matrimonio e catro fillos. El chamaba-se Xaquín, ela Xuana. El era alto, delgado e ben feito. Inda que vello, vía-selle que no seu tempo fora bo mozo. Aínda me parece está-lo vendo comer na broa sentado á porta da casa, recollendo cunha man as frangullas que lle caían da outra. Despois de peneirá-las un pouquiño pra que se lle xuntaran, metí'-as na boca dun pulo. Ela era unha muller pequena pero feituca como un carto e moida súa casa. Nunca se vía máis que da casa ó curral ou á eira. Sempre, dendes das dez hastra as doce da mañán, andaba cun carabullode toxo na man, queimado polo bico. Debía de facé-lo lume con el.
Non recordo vé-la sentada nunca nin leriando con ninguén. As galiñas, o gato e o cocho conocía-na como unha persoa á outra que se visen arreo, entendía-na tamén. Podo xurá-lo. Ela falaba-lles o mesmo que á xente: con agarimo unhas veces e con carraxe outras; según estivera. Pero cáseque sempre con agarimo.
- Ide-vos d'aí - decía-lle ás galiñas cando a seguían pra que lles dera de comer - ; inda non é hora, inda non é hora. Peteirade por aí un pouco máis. Boh! Xa cho creo! Vou-vos estar dando sempre! Así, era a nai! Non teño cousas de máis présa! Agardade que agora!...
E metía-se na casa. As galiñas quedaban-se á porta un pouco. Despois encomezaban o seu coróoo cocococó! Pero nun istantiño calaban. Tiña-as afeitas a se conformaren co que lles dixera e iban-se arredando pouco a pouco, bicando aquí e alí, como ela decía-lles.
"Manecho o da Rúa", Xosé Lesta Meis
(Xosé Lesta Meis nasceu no dia 16 de Março de 1887. Morreu em 1930.)
"Manecho o da Rúa", Xosé Lesta Meis
(Xosé Lesta Meis nasceu no dia 16 de Março de 1887. Morreu em 1930.)
Sem comentários:
Enviar um comentário