segunda-feira, 26 de outubro de 2020

Antón Tovar 4

Hoxe

O camiñar cotián, iste cabouco
podrecido de chuvias e saudades,
vai feríndome sempre
nas esquinas dos hoxes sin remate.
Vaime levando
como o afogado o mar polos seus canles
noitébregos ó fondo da tristura
que medra cos meus pasos e me abrangue.

Ás veces penso naquil neno
medrando cara ó mundo pra apreixare,
no peito ilusionado
longo hourizonte de romaxes.
¿Onde seu corazón erguéndose nos ollos
alcendidos de xílgaros e labres?

Nada quedou tras si. Nada do pulo
xeneroso i ergueito, nada, a chave
das arelas máis fondas vai perdida
na podremia dos hoxes, abafantes.
Tristes rúas fedentas, tristes homes
embazados de chuvias, i unha imaxe
perdida no fondal de aquiles ollos,
mergullada nos ontes do meu sangue...

¿Que podremia foi ista?, ¿por que veu?,
¿que fixen eu pra que me aldraxen,
pra que me firan naquil mozo
inxenuo que aínda son ? ¿Que trabe
me foi pechando?

I eu que pensei de neno tan xigantes
eirexas e montañas,
i orelas a acenarme,
agora vou chantado nun cincento luscofusco
esborrallándome
no corazón dos hoxes
por casas, rúas, mortos, por enxames
de moitedumes, monifate
atoutiñando,
de laxe en laxe,
sempre na misma rúa apodrecida,
sempre no mismo cárcere.

¿Que fixemos, Señor, pra tante morte?,
¿que fixen eu pra tanta aldraxe?

 "Arredores", Antón Tovar

(Antón Tovar nasceu no dia 26 de Outubro de 1921. Morreu em 2004.) 

Sem comentários:

Enviar um comentário