[...]
E, en efecto, algo envolvera en sombras o vello continente. Recordo aquel desembarco atrapada polos calafríos que percorrían o porto. Pasaría aquel primeiro mes collendo terra entre Vigo e Lisboa por ver de ir atopándome. Dos últimos tempos tiña a desagradable sensación de viaxar demasiado, e viña cun profundo desexo de acougar, de quedar na casa. Tras todo o esforzo de comprensión e desenfreo que esixen, hoxe en día, as Américas, eu só devecía por un pequeno casino do que abastecerme, e moito, moito lecer.
En canto puxen os pés nesta lastrada extrema Europa vin o continente airado. Vin un Agatón, dous, tres, concretos, personificados a estirar as sombras. Vin múltiples Europas a recoller e cultivar no xardín de cardos coa ilusión, ou coa inconsciencia, das parcas. Tan larpeiro porvir de ratas. Tantos tipos de rata a abater Europa coma tipos de parasitos a ser engulidos, mimados, utilizados.
Pensarán que hoxe é fácil, preto xa o final da década, contar a miña chegada e pasar por ter dotes de adiviña. Pero o xogo todo estaba á vista.
E tornou a teima, e naquela Lisboa pensei que Agatón non podería levar máis ao poñente a súa negra sombra.
[...]
Belén Feliú
Belén Feliú
(Belén Feliú nasceu no dia 22 de Outubro de 1961. Morreu em 1997.)
Sem comentários:
Enviar um comentário