Mostrar mensagens com a etiqueta Como farol sombrizo entre dúas canículas. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Como farol sombrizo entre dúas canículas. Mostrar todas as mensagens

terça-feira, 20 de outubro de 2020

Belén Feliú 3

Como farol sombrizo entre dúas canículas

[...]
E, en efecto, algo envolvera en sombras o vello continente. Recordo aquel desembarco atrapada polos calafríos que percorrían o porto. Pasaría aquel primeiro mes collendo terra entre Vigo e Lisboa por ver de ir atopándome. Dos últimos tempos tiña a desagradable sensación de viaxar demasiado, e viña cun profundo desexo de acougar, de quedar na casa. Tras todo o esforzo de comprensión e desenfreo que esixen, hoxe en día, as Américas, eu só devecía por un pequeno casino do que abastecerme, e moito, moito lecer.
En canto puxen os pés nesta lastrada extrema Europa vin o continente airado. Vin un Agatón, dous, tres, concretos, personificados a estirar as sombras. Vin múltiples Europas a recoller e cultivar no xardín de cardos coa ilusión, ou coa inconsciencia, das parcas. Tan larpeiro porvir de ratas. Tantos tipos de rata a abater Europa coma tipos de parasitos a ser engulidos, mimados, utilizados.
Pensarán que hoxe é fácil, preto xa o final da década, contar a miña chegada e pasar por ter dotes de adiviña. Pero o xogo todo estaba á vista.
E tornou a teima, e naquela Lisboa pensei que Agatón non podería levar máis ao poñente a súa negra sombra.
[...]

Belén Feliú

(Belén Feliú nasceu no dia 22 de Outubro de 1961. Morreu em 1997.) 

domingo, 20 de outubro de 2019

Belén Feliú 2

Como farol sombrizo entre dúas canículas

[...]
Daquela viñera en barco.
Sucede que con frecuencia teño pensamentos ou fragmentos de conversas que como frases roubadas a non sei que monólogo alleo viven en min, sacadas dun contexto ignoto mais que posúen o eco, a resonancia verosímil e nítida do real. E así, mentres o transatlántico me traía para Lisboa sorprendeume, apoiada na cuberta, ou no restaurante pequeno, unha teima que insistía en que o único traballo de Agatón consistía en estirar as sombras cara ao poñente. Como quen pasa o rolete estirando a masa no atardecer.

Belén Feliú

(Belén Feliú nasceu no dia 22 de Outubro de 1961. Morreu em 1997.)

domingo, 23 de setembro de 2018

Belén Feliú

Como farol sombrizo entre dúas canículas

Manterán os homes sabios que o azar non existe. Que non pode existir nun mundo gobernado polo deus único. Que todo está escrito dende os tempos inmemoriais. Tal dirán.
Porque o azar non existe, hoxe estou de novo en Lisboa. E pola mesma razón non podo evitar verme chegando a este porto hai tres anos. Xusto tamén no mes de xullo. Xullo do trinta e cinco.
Véxome leda apoiada na varanda do barco, anceiando terra tras cruzar as augas. Véxome naquel tempo irreal tornando á miña decrépita Europa, esta que hoxe xa non está decrépita senón habitada polos ventos da loucura invasora e demoledora. Eu vina ben disposta para frecuentar as vellas amizades no medio do meu espírito lixeiro. Hoxe, pola contra, espero escapar de Lisboa porque eu si presinto os campos cheos dos que no seu día non puideron dar creto. Dos que cegaron ante a barbarie. Dos que non creron no muro do fascismo que anda a nos cernar e seguiron cara adiante. Atónitos co croque final.
Eu, que vivo do xogo, creo que o azar a penas existe na copa do meu chapeo.

[...]

Belén Feliú

(Belén Feliú nasceu no dia 22 de Outubro de 1961. Morreu no dia 23 de Setembro de 1997.)