quarta-feira, 22 de abril de 2020

Valentín Paz-Andrade 8

As palabras

Vén o ar ateigado de palabras,
cada mañá chamando aos nosos vidros,
para por a xermolar son e semente.
As palabras decote están falando
e somos nós os xordos á mensaxe
que no seo das sílabas carrexan.

Polas palabras somos outra cousa,
e non primaz materia dunha besta,
só desbravada en nós polas palabras.
Son palabras as ondas do gran río
da fala, que morre un pouco e nace
do mencer ao luar de cada día.

A eito marteladas nos falares
do pobo, que as mestura ao seu suor,
limadas cal semánticas moedas
nas forxas oficiais do saber,
sempre as palabras teñen lei  de onda
a develar na vida dos demais.

É de palabras a primeira música
que dá tremer de luz ao noso tímpano,
e de palabras o primeiro río
que verte ao noso canle súas ondas,
e se fai subterráneo en cada noite
para renascer no leito das auroras.

Denantes das palabras foi a choiva
linguaxe de cristais da natureza,
de verticales sílabas composto,
elemental vocabulario líquido
das claves seminales sobre a terra,
a descrifrar polas meniñas da alma.

Palabras insonoras baixo o sono
como peixes de acuarium apagado
que a memoria repesca na vixilia.
Palabras e memoria dúas forzas
que xa casadas nascen lonxe, lonxe…
no orbe prebabélico do home.

E cando chega a morte a nosa beira,
cando nos pasaporta para o nada,
o que de certo pasa e se rexistra,
o que nos deixa listos para o embarque
na dorna por Caronte tripulada…
é o naufraxio de todas as palabras.

"Cen Chaves de Sombra", Valentín Paz-Andrade

(Valentín Paz-Andrade nasceu no dia 23 de Abril de 1898. Morreu em 1987.)

Sem comentários:

Enviar um comentário