Mostrar mensagens com a etiqueta Cen Chaves de Sombra. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Cen Chaves de Sombra. Mostrar todas as mensagens

quinta-feira, 23 de abril de 2020

Valentín Paz-Andrade 8

As palabras

Vén o ar ateigado de palabras,
cada mañá chamando aos nosos vidros,
para por a xermolar son e semente.
As palabras decote están falando
e somos nós os xordos á mensaxe
que no seo das sílabas carrexan.

Polas palabras somos outra cousa,
e non primaz materia dunha besta,
só desbravada en nós polas palabras.
Son palabras as ondas do gran río
da fala, que morre un pouco e nace
do mencer ao luar de cada día.

A eito marteladas nos falares
do pobo, que as mestura ao seu suor,
limadas cal semánticas moedas
nas forxas oficiais do saber,
sempre as palabras teñen lei  de onda
a develar na vida dos demais.

É de palabras a primeira música
que dá tremer de luz ao noso tímpano,
e de palabras o primeiro río
que verte ao noso canle súas ondas,
e se fai subterráneo en cada noite
para renascer no leito das auroras.

Denantes das palabras foi a choiva
linguaxe de cristais da natureza,
de verticales sílabas composto,
elemental vocabulario líquido
das claves seminales sobre a terra,
a descrifrar polas meniñas da alma.

Palabras insonoras baixo o sono
como peixes de acuarium apagado
que a memoria repesca na vixilia.
Palabras e memoria dúas forzas
que xa casadas nascen lonxe, lonxe…
no orbe prebabélico do home.

E cando chega a morte a nosa beira,
cando nos pasaporta para o nada,
o que de certo pasa e se rexistra,
o que nos deixa listos para o embarque
na dorna por Caronte tripulada…
é o naufraxio de todas as palabras.

"Cen Chaves de Sombra", Valentín Paz-Andrade

(Valentín Paz-Andrade nasceu no dia 23 de Abril de 1898. Morreu em 1987.)

segunda-feira, 23 de abril de 2018

Valentín Paz-Andrade 6

Noso Alexandre, Mártir 

Trinta e seis, trinta e seis, trinta e seis...
Taquicardia da historia d-unha imaxe
con pulsación esmorecida.


Trinta e seis, trinta e seis, trinta e seis...
Que ancho o peito teu para os balazos,
con curazón equidinnensioado,
alcoube pol-a idea frolecido.
Qué regueiro de folgo pra unha fé
por un agosto tráxico xiado,
ao despontar un día a mañanciña!


Trinta e seis, trinta e seis, trinta e seis...
Toda a xeografía da Galiza,
eiquí as aldeas, acolá as cibdades,
da minhota fronteira até Teixido,
da Curota ao Caurel,
alí cabía d-un costado a outro,
mapa do corazón comprometido,
augas, montanas, povos... que lavabas
cal loriga carnal do pensamento,
aquele da Galiza acriboada
ao cuspir os fusiles sobre tí.


Trinta e seis, trinta e seis, trinta e seis...
Sete cruces na tampa como escudo,
sete cruces e o calix do Grial,
tatuaxe azul dos símbolos amados,
unha terra a ceibar de alleas poutas.
unha xente a curar da praga exódica,
unha patria a facer.


Sete, catorce... tiros na Caeira,
contra un pino dos hinos de Pondal,
contra un pino de froumas a cair,
contra un pino de ponlas a chorar!


Trinta e seis, trinta e seis, trinta e seis...
E unha bandeira da Galiza a furto,
cadaleito a pechar,
pra o teu peito aquecer no máis alá!

"Cen Chaves de Sombra", Valentín Paz-Andrade 

(Valentín Paz-Andrade nasceu no dia 23 de Abril de 1898. Morreu em 1987.)

sábado, 23 de abril de 2016

Valentín Paz-Andrade 4

Non escoitedes 

Non escoitedes voz onde non trema
o vidro do seu tempo,
mainamente,
como na pel das aguas treme a brisa
tinguida no brancor dos amieiros.

Non escoitedes voz na que se esquezan
as raíces do barro que nos deu
feitío de criaturas,
amor pra repartir cos semellantes
quentor do noso sangue.

Non escoitedes ecos en retorno
dos paredóns da morte.
A vida virá sempre a sucos novos
pra se facer fecunda
no gran de cada espiga. 

"Cen Chaves de Sombra", Valentín Paz-Andrade 

(Valentín Paz-Andrade nasceu no dia 23 de Abril de 1898. Morreu em 1987.)