sexta-feira, 21 de abril de 2017

Victoriano Taibo 3

Moza galega

Son, nena, os teus ollos claros e amantiños,
cal flores dos liños
dun meigo liñar;
nas súas meniñas a piedade mora,
e a gracia da aurora
teñen no mirar.

 
Tes, nena fermosa, nas túas meixelas,
alburas sinxelas,
ruibéns do serán;
dos cumes nevados son brancas folerpas,
son rosas abertas
á luz da mañán.

 
Son, nena, os teus labios caraveis acesos
na boquiña presos
para ben parecer,
e ao falar semellan xiríns que garulan,
e rulas que rulan
de gozo e pracer.

 
Son os teus cabelos crechos e dourados,
de lampos roubados
á gloria do sol;
claror que aloumiña a túa fronte albiña
cando na cariña
che bica a bris mol.

 
Son, nena, os teus seos tersos e brandidos,
morosos e erguidos,
niños ruladores,
que no dondo leito que lle fai o teu peito,
van ceibando a feito
cantigas e amores.

 
Moves o teu corpo lixeiro e gracioso
co abalo xeitoso
da ponla xentil,
que en serán calado, o sopro do vento
pon en movemento,
con beixo sutil.

 
As túas mans fidalgas, pequerrechiñas,
albas, feituquiñas,
son de luz e escuma
das rías galegas no ensono enmeigadas,
das brancas laradas
do sol que as aluma.

 
No teu pé miúdo, no teu van estreito,
no teu corpo feito,
enxebre e lanzal,
tes tales feitizos que aos mozos toleas
cando te brandeas
bailando no adral.

 
E es claror de lúa, e es luz de alborada,
e son da balada
que ao corazón chega
cantando e chorando mainiña e dozosa.
Fada agarimosa:
¡Ti es galega!

"Abrente", Victoriano Taibo

(Victoriano Taibo nasceu no dia 22 de Abril de 1885. Morreu em 1966.)

Sem comentários:

Enviar um comentário