A Elba, Branca, Uxío e Arturo
Uxío Novoneyra, irmán
no verso e nos destino.
Home de soño e lóstrego,
de sangue e nube,
da voz e do silencio ben canxados.
Home desta era e deste mundo,
roda de luz que achanza sorralleiras,
eixo e dentoira, canto montesío,
tenrura de pampillo
e estrondo de ciclón que fire e crea.
Ti estás con nós, e nós contigo,
ninguén pode arredarte, compañeiro,
nin virar o rumbo
da túa mensaxe
nidia coma unha frecha escintilante.
Xuntos marchamos
por un vieiro de redención, de vida,
que vai máis alá
do ciclo temporal de cadaquén.
Ti estás con nós, os do teu tempo
e estás cos que han de vir,
cos que seguirán enarborando
a bandeira da dignidade de Galicia.
A túa palabra
vive, latexa
nas terras do Courel orixinario,
do Courel amado e transcendido,
vive en cada manancial,
en cada pedra,
en souto que florece,
no revoar dos corvos pregoeiros,
nas uces, nas carqueixas,
na inmaculada neve,
no soedoso vento,
na lúa que se pousa na xeada,
nos bidueiros, nos freixos,
nos carballos.
A túa palabra soa
na Serra do Rebolo,
ascende ós cumes
do Pía-Páxaro, do Pinza
e da Boca do Faro,
onde ouvea o lobo
e roña senlleiro o xabarín.
A túa palabra
vai e vén por Penaboa, Seara, Murelos,
anda por montes e devesas,
e á voz do camiñante que se recoñece
en cada peneda, en cada gabia,
en cada volta de corredoira,
e ata no paxariño que garula
eidos adiante
no "bicarelo do bico do brelo".
Ti estás alí, Uxío amigo,
ti es a esencia mesma do Courel,
ese anaco entrañable de nós todos,
esa terra montesía que nos revelaches.
Dalí vén o teu sangue,
e os teus ósos,
e o teu verso solidario,
o da "Letanía",
o do Chile martirizado,
o do Viet Nam agredido,
o do Che Guevara.
A túa voz agroma nun recanto de Galicia
e faise universal.
Poeta Uxío Novoneya,
o mundo está mal feito
e hai que seguir loitando,
dende a flor,
dende o canto do xílgaro,
dende o murmurio dos regueiros.
Armados de poesía, Capitán,
armados de palabras,
avanzamos contigo.
Venceremos.
Xosé Neira Vilas
(Xosé Neira Vilas nasceu no dia 3 de Novembro de 1928. Morreu em 2015.)
Sem comentários:
Enviar um comentário