Mostrar mensagens com a etiqueta Xosé Neira Vilas. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Xosé Neira Vilas. Mostrar todas as mensagens

terça-feira, 3 de novembro de 2020

Xosé Neira Vilas 5

Anisia

Tamén ti es de Gres,
amiga, amada.
De Gres e miña, nosa,
de nós todos.
Deste río, deste val e destes montes.
Es desta terra,
deste vello lugar,
da xente desta aldea
que te agarima
dende que aquí pousaches
as túas ás de pomba tropical.
Es daquí e dalá
daquela Antilla,
daquel soleado corazón -.
Es palma e piñeiro,
sinsonte e rula,
gaita e bongó.
Dúas patrias
que o mesmo mar abraza.

Es de Gres, deste eido.
Así o sinto
cando regas acivros e camelias,
e ollas estes campos verdecentes,
e bebes destas augas,
e recolles un seixo milenario,
e vas polos meus carreiros
ou falas cos veciños
na lingua ancestral, viva e sagrada.

Anisia,
cidadá do mundo,
árbore florecida
con raíces en Cuba
e a vizosa ramaxe
con espazo de seu, intransferible
neste doce, inmemorial recanto.

Xosé Neira Vilas

(Xosé Neira Vilas nasceu no dia 3 de Novembro de 1928. Morreu em 2015.) 

domingo, 3 de novembro de 2019

Xosé Neira Vilas 4

Agora vexo ben o azul de alá endiante, onde o río dá a volta darredor do penedo. Vexo como se espalla ese rachón de ceo, esa guichola cinguida polas nubes viaxeiras. Tantos anos aquí, nesta aldea mortiza, dando por ollado e sabido cánto hai, hastra que caio na conta de que nada conozo. Todo é vello e novo ó mesmo tempo. Todo está e non está. E eu ando a beliscarme pra saber de min, pra ter a seguranza de que son e de que estou. Dende que se me deu por traguer as miñas cavilacións aquí, á orela da ponte, véxolle un novo anchor ó mundo e avivecen en min, en mestura de anduriña e toupa, uns degaros tolos de fuxir e un sono de pedra vella que se afunde maina e silandeira no miolo da terra.
O río sigue no seu, coma fai catro ou cinco ou cen mil anos. Sigue rolando, moendo o tempo e luindo pelouros con feroce teimosía; badúa, ruxe, agurgulla en escumas, fura nas raiceiras, e eu vexo nel a vida, o alento de cada hora dándolle feitío á eternidade, e síntome cativa no arrimo desta orela, destas pedras carricentas postas polo xenio andeiro dos romanos.

"Querido Tomás", Xosé Neira Vilas

(Xosé Neira Vilas nasceu no dia 3 de Novembro de 1928. Morreu em 2015.)

sábado, 3 de novembro de 2018

Xosé Neira Vilas 3

Amor cubano

Onde a palabra é doce
e o sorriso campea;
ese país de xente
sensitiva e festeira
onde todo é alegría
como na primavera.
É onde teño amores
teño una moza e quéroa.


Teño un amor en Cuba,
nesa linda terra,
una muller bonita,
alegre e
sandunguera
que me dá o seu cariño
e o meu é todo para ela;
nesa amada illa
solidaria e fraterna.

E tanto nos queremos
que a nosa vida é plena.
Teño un amor cubano
unha muller tan tenra
que agarima e conforta
a miña pel galega.
Que o mundo é moi pequeno
e a mar estreita
se un corazón que ama
rumbo a Cuba navega.


Xosé Neira Vilas

(Xosé Neira Vilas nasceu no dia 3 de Novembro de 1928. Morreu em 2015.)

sexta-feira, 3 de novembro de 2017

Xosé Neira Vilas 2

Elexía para un poeta 

A Elba, Branca, Uxío e Arturo

Uxío Novoneyra, irmán
no verso e nos destino.
Home de soño e lóstrego,
de sangue e nube,
da voz e do silencio ben canxados.
Home desta era e deste mundo,
roda de luz que achanza sorralleiras,
eixo e dentoira, canto montesío,
tenrura de pampillo
e estrondo de ciclón que fire e crea.

Ti estás con nós, e nós contigo,
ninguén pode arredarte, compañeiro,
nin virar o rumbo
da túa mensaxe
nidia coma unha frecha escintilante.
Xuntos marchamos
por un vieiro de redención, de vida,
que vai máis alá
do ciclo temporal de cadaquén.
Ti estás con nós, os do teu tempo
e estás cos que han de vir,
cos que seguirán enarborando
a bandeira da dignidade de Galicia.

A túa palabra
vive, latexa
nas terras do Courel orixinario,
do Courel amado e transcendido,
vive en cada manancial,
en cada pedra,
en souto que florece,
no revoar dos corvos pregoeiros,
nas uces, nas carqueixas,
na inmaculada neve,
no soedoso vento,
na lúa que se pousa na xeada,
nos bidueiros, nos freixos,
nos carballos.
A túa palabra soa
na Serra do Rebolo,
ascende ós cumes
do Pía-Páxaro, do Pinza
e da Boca do Faro,
onde ouvea o lobo
e roña senlleiro o xabarín.
A túa palabra
vai e vén por Penaboa, Seara, Murelos,
anda por montes e devesas,
e á voz do camiñante que se recoñece
en cada peneda, en cada gabia,
en cada volta de corredoira,
e ata no paxariño que garula
eidos adiante
no "bicarelo do bico do brelo".

Ti estás alí, Uxío amigo,
ti es a esencia mesma do Courel,
ese anaco entrañable de nós todos,
esa terra montesía que nos revelaches.
Dalí vén o teu sangue,
e os teus ósos,
e o teu verso solidario,
o da "Letanía",
o do Chile martirizado,
o do Viet Nam agredido,
o do Che Guevara.
A túa voz agroma nun recanto de Galicia
e faise universal.

Poeta Uxío Novoneya,
o mundo está mal feito
e hai que seguir loitando,
dende a flor,
dende o canto do xílgaro,
dende o murmurio dos regueiros.
Armados de poesía, Capitán,
armados de palabras,
avanzamos contigo.
Venceremos. 


Xosé Neira Vilas

(Xosé Neira Vilas nasceu no dia 3 de Novembro de 1928. Morreu em 2015.)

quinta-feira, 3 de novembro de 2016

Xosé Neira Vilas

Eu son Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre. Porque da aldea tamén é Manolito, e non hai quen lle tusa, a pesar do que lle aconteceu por causa miña.
No verán ando descalzo. O po quente dos camiños faime alancar. Magóanme as areas e nunca falta algunha brocha para espetárseme nos pés. Érgome con noite pecha, ás dúas ou tres da mañá, para ir co gando, restrebar ou xuntar monllos. Cando amañece xa me doe o lombo e as pernas. Pero o día comeza. Sede, sol, moxardos.
No inverno, frío. Ganas de estar arreo ó pé do lume. Muíños apeados. Faladurías de neves e lobos. Os brazos son coma espeteiras para encolgar farrapos. Murnas, fridas, dedos sen tentos.
¡Que saben disto os nenos da vila!
Eles ignoran o que eu penso mentres boto ó corpo un gurrucho de caldo con broa. Ou o que sinto cando estou no monte pingando, aterecido, vendo por entre a chuvia un fantasma bretemoso en cada árbore.
A aldea é unha mestura de lama e fume, onde os cans ouvean e a xente morre "cando está de Deus", como di a madriña. Os rapaces somos tristes. Enredamos, corremos tras dos foguetes e ata rimos, pero somos tristes. Temos a pobreza e os trafegos da terra aniñados nos ollos.

"Memorias dun Neno Labrego", Xosé Neira Vilas

(Xosé Neira Vilas nasceu no dia 3 de Novembro de 1928. Morreu em 2015.)