Semellante a un frade de madeira
Semellante a un frade de madeira mal pintada; tiña un nariz bermello de antroido e unha calva esvaída de difunto reseso, e non sabía un por onde tomalo para moufarse da súa cativeza. Malasisado coma os sinos, que repenican con tolería de festa e logo tanxen a morto. Tan amigo de beber que sendo pequeno foise ó augardente dun feto, que era tío seu, e deixouno sequiño de todo. Para gana-la vida chegou a ouvear coma un can no tempo das uvas.
Pero certo día topouse cunha muller nun camiño de romería. A muller ía de promesa, cun faroliño na man. Faloulle, namorouna e casáronse deseguida.
Ela é un ananuxo que gana diñeiro nos mercados como regateira de roupa vella. El fíxose borracho de solenidade. E os dous xuntos son a risa do pobo nos domingos e días de gardar.
Cómpre decirvos que tiveron un fillo tan forte de corpo e de alma, tan desemellante dos seus pais, que parecía un neno roubado. O neno medrou e fíxose home de proveito e largou para fóra.
O pai anda decindo:
- Non volve porque como a nai é así…
E a nai anda decindo:
- Non volve porque como o pai é así…
Pero eu sei que non volve porque aínda non é dabondo rico para mata-las risas dos que se moufan dos seus pais; que con diñeiro pódese chegar a Excelentísimo Señor, según xa ten pasado e aínda pasará.
"Cousas", Castelao
(Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao nasceu no dia 30 de Janeiro de 1886. Morreu em 1950.)
Sem comentários:
Enviar um comentário