Os pinos montañeses dan aos ventos
cantigas vagorosas,
bordadas con queixumes e lamentos
nas tardes bretemosas.
No texido sutil do miúdo orballo
luce o arco da vella as súas cores,
e nas despidas pólas dun carballo
un negro corvo canta os seus amores.
Fungan os toxos feros remexendo
os aguillóns firentes
dos seus hábitos pardos, e, correndo
nas aas dos ecos, marchan súas queixas doentes.
O líquido cristal que a branca escuma esmalta,
da doira resoante,
coma serpe de prata corre e salta
despedido do cume do petouto xigante.
Pola senda que brila coa brancura dos seixos,
vai un pesado carro
de cantadores eixos,
que se atasca de súpeto no barro.
Coma unha estatua, o mozo carreteiro
parado queda diante os bois marelos:
Asomella a un guerreiro
que as brétemas envolven cos seus velos.
Con brazo forte e ademán sereo
move a aguillada dunha noutra banda,
e o mesmo que se fora un dios do ceo
fala, tiran os bois e o carro anda.
"Alento da Raza", Gonzalo López Abente
(Gonzalo López Abente nasceu no dia 24 de Março de 1878. Morreu em 1963.)
Sem comentários:
Enviar um comentário