terça-feira, 18 de dezembro de 2018

Xoán Manuel Casado 3

Días sen beber. Coido que fago ben. Como borracho, tendía ultimamente á retrospección e ao pronunciamento edificante.
Segue a afogarnos a estética, esa compracencia nas formas que nos impide tantas veces traspasar a codia e entrar, sen complexos, na materia. Defendía onte, como defenderei mañá, a miña preferencia por aquela arte dotada dunha escura intensidade interior sobre esa outra que exhibe, como virtude primeira, a aparencia fermosa, pola simple razón de que sobrepoño intelixencia a compostura. Argumentei coa esterilidade de quen busca descubrir a unha adolescente recentemente namorada a condición, por certo que ruinzalla, do seu amado.
Sucede en pintura, en cine, en música. Hai un decorativismo dominante que empeza polo propio corpo de cadaquén. (Perdo de vista a amigos que deixaron a bebida por debelaren os lípidos; perdo de vista a amigas que queren mellor a sala de musculación que o meu inverno palabreiro.) Busco, e non atopo, nos prototipos físicos de moda, ese grosor moral que distinguiu aos seus predecesores.

"Diario de Entretempo", Xoán Manuel Casado

(Xoán Manuel Casado nasceu no dia 18 de Dezembro de 1949. Morreu em 2002.)

Sem comentários:

Publicar um comentário