Mostrar mensagens com a etiqueta Xoán Manuel Casado. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Xoán Manuel Casado. Mostrar todas as mensagens

sexta-feira, 18 de dezembro de 2020

Xoán Manuel Casado 5

Hai un pracer moi cumprido e escasamente práctico en follear o Catálogo dunha libraría de vello. Alí están, en ordenación alfabética de autores, o célebre manual metafísico, a mostra sobexa de costumismo de lei, o novelón afamado, o obsoleto dicionario da rima ou o tratado de balística, como oferta miscelánea para o lector vagaxeiro, para o que empeza a achegarse aos libros polo tacto, pola vista, polo olfacto, antes de mergullarse sen reservas no seu contido. A impresión artesanal, como a escrita a lapis, son algo máis que procedementos. Son, cando menos, exercicios de sinceridade. A sinceridade do home reside sempre nas mans.

"Diario de Entretempo", Xoán Manuel Casado

(Xoán Manuel Casado nasceu no dia 18 de Dezembro de 1949. Morreu em 2002.)

quarta-feira, 18 de dezembro de 2019

Xoán Manuel Casado 4

O outro día vin na ópera un episodio significativo. Transcorría o segundo acto e os dous protagonistas representaban unha escena bucólica. Eu asistía, gañado por esa impresión de artificiosidade da que, pese á miña inercia de espectador, rara vez consigo ceibarme. De sócato, algo chamoume a atención á metade dun dúo: desde a miña localidade inmediata e lateral ao escenario, a postura da soprano, sentada no chan, permitíame apreciar con claridade que non gastaba roupa interior. O efecto da descuberta foi detonante. A escena adquiriu, para min, unha intensidade da que carecía momentos antes e aquel canto, cen veces escoitado sen maior interiorización, soaba único e mancante nesta oportunidade. Pasara que a representación artística se transfigurara en experiencia vital.

"Diario de Entretempo", Xoán Manuel Casado

(Xoán Manuel Casado nasceu no dia 18 de Dezembro de 1949. Morreu em 2002.)

terça-feira, 18 de dezembro de 2018

Xoán Manuel Casado 3

Días sen beber. Coido que fago ben. Como borracho, tendía ultimamente á retrospección e ao pronunciamento edificante.
Segue a afogarnos a estética, esa compracencia nas formas que nos impide tantas veces traspasar a codia e entrar, sen complexos, na materia. Defendía onte, como defenderei mañá, a miña preferencia por aquela arte dotada dunha escura intensidade interior sobre esa outra que exhibe, como virtude primeira, a aparencia fermosa, pola simple razón de que sobrepoño intelixencia a compostura. Argumentei coa esterilidade de quen busca descubrir a unha adolescente recentemente namorada a condición, por certo que ruinzalla, do seu amado.
Sucede en pintura, en cine, en música. Hai un decorativismo dominante que empeza polo propio corpo de cadaquén. (Perdo de vista a amigos que deixaron a bebida por debelaren os lípidos; perdo de vista a amigas que queren mellor a sala de musculación que o meu inverno palabreiro.) Busco, e non atopo, nos prototipos físicos de moda, ese grosor moral que distinguiu aos seus predecesores.

"Diario de Entretempo", Xoán Manuel Casado

(Xoán Manuel Casado nasceu no dia 18 de Dezembro de 1949. Morreu em 2002.)

segunda-feira, 18 de dezembro de 2017

Xoán Manuel Casado 2

O meu país 

O meu país é verde e neboento,
é saudoso e antergo, é unha xente e un chan.
O meu país, labrego e mariñeiro,
é un recuncho sin tempo, que durme nugallán.

Que quece na lareira, aló na carballeira
bota a rir.
É unha folla no vento, alento e desalento
o meu país.

O meu país, tecendo a sua historia
muiñeira e corredoira, acocha a sua verdá.
O meu país saúda o mar aberto,
escoita o barlovento e ponse a camiñar.

Cara a metas sin nome van ringleiras de homes
e sin fin.
Tristes eidos de algures, vieiros pra ningures,
o meu país.

O meu pais nas noites de invernía
dibuxa a sua agonía nun vello e nun rapaz.
O meu país de lenda e maruxías
agarda novos dias, marchando de vagar.

Polas corgas e herdanzas
nasce e morre unha espranza no porvir.
É unha folla no vento, alento e desalento,
o meu país.

Xoán Manuel Casado 

(Xoán Manuel Casado nasceu no dia 18 de Dezembro de 1949. Morreu em 2002.)

domingo, 18 de dezembro de 2016

Xoán Manuel Casado

Unha muller que se parecía a Romy Schneider

Nunca soubemos
como chegara pra xonta nós
nin de onde viña.
Apareceu de súpeto
a compartir as nosas tardes de café con leite e
metafísica a seis reás,
e sentouse algún tempo á nosa mesa.
Nunca soubemos dela moita cousa:
que era do interior,
que nun tiña familia na cidade,
que lia Schopenhauer e máis Pedro Salinas,
que bebía coñá cando chovía.
Asi encheu aquel inverno,
unida á nosa teima de falar
da inxusticia social e máis da acción,
abstraccións culturais,
fútiles teorías do amor tiradas dalgún libro de ensaio
e nunca debidamente contrastadas coa práctica.
Era doce,
e romatou por sere pra cadequén,
segredamente,
algo máis que un costume,
anque nunca soubemos
como chegara pra xonta nós
nin de onde viña,
nin tampouco porque
un certo dia
desapareceu.


Xoán Manuel Casado

(Xoán Manuel Casado nasceu no dia 18 de Dezembro de 1949. Morreu em 2002.)