sábado, 21 de abril de 2018

Victoriano Taibo 4

Ríte!

Ajuda-te ben, mociño, qu'a mocidade é moi corta,
aprovéita-te da vida, divérte-te o mais que póidas,
que te non coute a tristura n'esa idáde venturosa,
ri-te moito, rí de cote, longe de ti a dór ajota,
vái a trullas e romajes, algarea, runfla, chouta,
rua a feito, canta, atruja, campa nas festas e troulas,
s'hai gaita vái ao turreiro, luita c'as mozas s'hai mozas,
non perdas baila nin trisca, espadela nin esfolla
Que namentras ti souril borreas, trunfas e gozas
a tua terra, a dos teus,

leixada chora!

Por un camiño de seijos, abaifada e soedosa,
vai arrastrando os grilons da cadea qu'a aprisiona.
Por ajuda leva o escarnio, e de compañeira, a mofa;
a oscuridade de guía, e de cortejo qu'a honora,
unha manada de dogos c'os instintos da raposa, sempre c'os dentes chantados
na sua honra.


Por roupa viste o fatelo de farrapos que lle donan,
pois todo o que ten de seu é d'esmola.
Derrubaronlle o casal, i-ao achar, ja vente ou chova,
saudosa vai mundo adiante,

de porta en porta.

N'hai quen lle bote unha mao, n'hai quen do seu mal se doia,
qu'inda os que se chaman seus da mesma mai s'avergonzan.
Son eles os que sosteñen o cepo en qu'á Terra inmolan!
Son eles, fillos escuros,
os que ignoran
de quen é a lus do sangue que nas suas veas chouta!
Son eles, coraçós féridos,
os que afogan
os berros de libertade que saen da sua gorja.
Eis tua mai, mozo das festas.


Agora...
Non perdas baila nin trisca, espadela nin esfolla,
que te non coute a tristura n'esa idade venturosa,
rí de cote, ríte a feito,
Ríte, idiota!


Victoriano Taibo

(Victoriano Taibo nasceu no dia 22 de Abril de 1885. Morreu em 1966.)

Sem comentários:

Enviar um comentário