Mostrar mensagens com a etiqueta Luís Amado Carballo. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Luís Amado Carballo. Mostrar todas as mensagens

domingo, 2 de maio de 2021

Luís Amado Carballo 8

Limiar

Verde canzón aldeán...
Nún refrorecer de verbas
a breixa da emoción nova
qu'o inteleito peneira.

Na farpa donda da choiva
a mansa néboa mareira
pide esmola ás nosas almas
para redimil-a Terra.

(Pol-o vieiro da Galassia
viu a estrela devanceira
que preñou o fol da gaita
co vento mol da Proensa).

Apalpe o ollar asisado
liña e cor na Natureza
e deixando o mel no esprito
esbare a espresión certeira.

"Proel", Luís Amado Carballo

(Luís Amado Carballo nasceu no dia 2 de Maio de 1901. Morreu em 1927.)

sábado, 2 de maio de 2020

Luís Amado Carballo 7

O madrigal a Marucha

Cando o día anda a morrer
encol do mar amarelo
e furan os seus salayos
a verde seda do vento...


Asomareime aos teus ollos
para ollar o craro ceo.
 

Os teus ollos namorantes
que gardan a Lua dentro
na lágoa da miña alma
espallarán un luar tépedo.
 

O meu corazón a festa
repinicara algareiro.
 

 Aos teus beizos frorecidos,
pombal de verbas amantes,
fan romaxe os meus amores
silandeiros e arelantes.
 

Na fonte da tua boca
bebín as miñas saudades.
 

No abrente da tua alma
o paxaro milagreiro
da miña ilusión vagante
aniñara no teu peito.
 

No limiar da tua alma
durmirase un bico tenro.
 

Recendentes caraveles
no serán da tua faciana
incensan as soedades
qu'en min deixara a lembranza.
 

Na cor das tuas meixelas
queimouse a miña añoranza.
 

Nas tuas mans pensativas
- santa almohada dos meus soños. -
o meu espíritu neno
acóchase con arrolo.
 

Os nardos das tuas mans
tecen meu lírico ensono.
 

O teu sonrimento neva
docemente no meu peito,
orballando craridades
con maino e levian concento.
 

Do fondo da miña vida
benzoache o meu silenzo.
 

A tua voz ateigada
de dourados agarimos,
pendura nas miñas mágoas
un resprandor cristaiño.
 

No salgueiro da voz tua,
frorece o meu dor amigo.


"Proel", Luís Amado Carballo

(Luís Amado Carballo nasceu no dia 2 de Maio de 1901. Morreu em 1927.)

quinta-feira, 2 de maio de 2019

Luís Amado Carballo 6

Versos do meu silenzo

Ollos na noite pensantes
os das estrelas lonxanas,
que ennovelados nas tebras
tráenme a tua lembranza.


Antr' o agarimo da lua
salouca o meu corazón
que añora a surrisa tua.
 

Por camiños de luceiros
enfondados na distancia,
a tua voz sinfoniza
os ecos da miña alma.
 

Estou a pensar en tí
e nas miñas mans saudosas
ate o mesmo delor rí.
 

Baixo a pregaria oxival
do zarco mar dos teus ollos,
afóganse as miñas verbas
que van pousar no teu colo.
 

Tan outo cal un luceiro,
porei o meu corazón
pra que alume o teu vieiro.


"Proel", Luís Amado Carballo

(Luís Amado Carballo nasceu no dia 2 de Maio de 1901. Morreu em 1927.)

quarta-feira, 2 de maio de 2018

Luís Amado Carballo 5

Misa da mañan

Cinguen anelos ridentes
nos dediños da mañán,
toda de branco vestida,
pois vaise casar có mar,
as campanas da parroquia,
vella madriña aldeán.

Os milleiros se axionllan
n'unha devota oración,
qu'antr-o berce das montanas
vai nacer o novo sol.

O vello rio da aldea,
madrugador e gaiteiro,
trenqueando os brancos zocos
vai a misa co luceiro.

Pol-os campos perguiceiros,
a baldada campaíña
bautiza a alma da paisaxe
con choiva d'auga bendita.

Os verdes campos sensuales
fuman o opio do día.


"Proel", Luís Amado Carballo

(Luís Amado Carballo nasceu no dia 2 de Maio de 1901. Morreu em 1927.)

domingo, 3 de setembro de 2017

Luís Amado Carballo 4

Os probes de Deus 

Aos poucos, a chuvia foi amainando. Ficaba unha mañán gris, chea de friaxe, e o vento mareiro da Carnota, facía tremar as arbores molladas, con súpetos calofríos fugaces.
Na longa sala dos dormitorios, ateigada de bafos cheirentos e de tépedo âr confinado, había somente catro vellos doentes, que de leito en leito parolaban mainiñamente, con voces cheas de langor e d'esa resiñada melanconía que pon cadencias tenras, nas verbas indifrentes dos que agardan a morte sen espranza.
Carón da fenestra, envolveito n-un vello cobertor rachado, outro home de ben comprida edá, ollaba o paisaxe da ría apreixando o narís contra os vidros, que o seu alento embazaba.
N-aquela crua mañán de inverno, os mais asilados traballaban na horta, y-embaixo, na cociña, ouvíase o balbordo das risas e disputas das mulleres que arranxaban a louza e o xantar.
O Pedro Lueiro, de cada vez atopábase mais falto de forzas, e unha perguiza invencibel, íbao gañando día a día, domando de cada instante con mais imperio â sua vôntade, que pol-a conta, asemade de dìa a día, era mais floxa.
El, que aló na sua casiña de Valoa, levantábase ainda con estrelas para percorrer as leiras, legón ao lombo, sentíase agora apouvigado, vencido, desfeito por un mortal cansancio. A sua meirande ledicia era estar longas horas inmobel, coa vista vagariñante nas lexanías verdes e bretemosas d'aquel paisaxe que tanto gostaba de contemplar dend'as fenestras da casa de caridade.
E, n-estes instantes, tornábase refresivo na saudade dos tempos en que respiraba a brisa libre e fresca, e nos que o seu corpo, aterecido pol-a friaxe do amañecer, cobraba vida e quentura no rudo traballo d'acotío.
[...]

Luís Amado Carballo

(Luís Amado Carballo nasceu no dia 2 de Maio de 1901. Morreu no dia 3 de Setembro de 1927.)

terça-feira, 2 de maio de 2017

Luís Amado Carballo 3

As cantigas do berce

Un carrizo namorado
afogóuse nun luceiro;
chora o monte y-a campía,
de loito vistius'o vento.

Como un paxariño horfo
nas mans morréusem'o día,
arrechegueino ao meu peito
por ver si lle daba a vida.

Vaite choiva e vente sol
qu'imos á xogar â leira
cô moneco bonitiño
que meu pai trouxo da feira.

Aquil berce está valeiro
y-a naiciña anda a chorar,
o meniño está no ceo
coas estrelas a brincar.

A campía escurecida
chora tremando co frío,
a probiña quedóu horfa
qu'o día afogóu no río.

"O Galo", Luís Amado Carballo

(Luís Amado Carballo nasceu no dia 2 de Maio de 1901. Morreu em 1927.)

segunda-feira, 2 de maio de 2016

Luís Amado Carballo 2

Lúa

A lúa é velliña,
de brancos cabelos,
de enrugas de ouro
e de olliños cegos.


Érguese do leito
das folas do mar
palpando os espazos
para camiñar.


Anda polo mundo
sin ver a onde vai,
pois as estreliñas
lévana na man.


Envolveita en néboas
hase de abrigar,
pois como vai vella
tense de coidar.


Cando na outa noite
brúa o temporal,
a lúa entre as tebras
tápase a tremar.


E así que o mal tempo
amainado vai,
asoma a faciana
i espalla o luar.


"O Galo", Luís Amado Carballo

(Luís Amado Carballo nasceu no dia 2 de Maio de 1901. Morreu em 1927.)

sábado, 2 de maio de 2015

Luís Amado Carballo

Saudade

Meniña, pecha a fiestra,
non deixes á noite entrar;
para tebras ben abondan
estas que comigo van.
   O vento anda espenuxado
oubeando como un can,
e na zanfona do bosque
salouca un tolo cantar.
   Que arelas tan fondas sinto
de deixal-a alma vagar,
de perdel-o corazón
como unha dorna no mar.
   Este fondo mal qu'eu teño
ninguien m'o pode sandar;
a miña alma no ensono
por vieiro iñorado vai.
   É o herdo da nosa raza
esta mágoa de ideal;
sentir remotos degoiros,
chorar sin saber o mal.
   Meniña... pecha a fiestra,
non deixes á noite entrar;
para tebras ben abondan
estas que comigo van.


"Proel", Luís Amado Carballo

(Luís Amado Carballo nasceu no dia 2 de Maio de 1901. Morreu em 1927.)