Dentro do seu corazón
Vina chegar nun abrente,
envolveita na alborada
e de roibéns coroada
a neve da súa frente;
no fulgor tremelucente
dun colar de pedraría
o milagre relucía
da belida face, como
cando Deus abriu o gromo
de lus do primeiro día.
Vina chegar no tesouro
mergullada da fervenza
que o seu cabelo destrenza
nunha fumarada de ouro;
presa nun ensoño louro
xermolando na paixón
e a cabalgar na ilusión
voadora dun salaio,
tiña máis gromos que maio
dentro do seu corazón.
Vina cruzar pola vía
frorida da mocedade,
vestida coa maxestade
escentilante do día;
o seu ollar refulxía
no zénit; con emozón
desfóllase unha canzón
e ao compás dos seus rumores
abalan logradas frores
dentro do seu corazón.
Vina ir pola vereda
melancónica da tarde;
na súa cabeza arde
vermella cofia de seda,
lourido o solpor enreda
coas xoias do seu xubón
que a negra desilusión
deixa, nun xiado sono,
máis follas secas que outono
dentro do seu corazón.
Vina ir polos vieiros
da nuite, na face súa
rebrila o livor da lúa
e o bagullar dos luceiros,
enloitada de nubeiros,
desfrorando unha oración,
pola tebrosa rexión
marcha, con dorido porte,
levando o frío da morte
dentro do seu corazón.
"Decrúa", Gonzalo López Abente
(Gonzalo López Abente nasceu no dia 24 de Março de 1878. Morreu em 1963.)
quarta-feira, 24 de março de 2021
Gonzalo López Abente 7
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário