Mostrar mensagens com a etiqueta Decrúa. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Decrúa. Mostrar todas as mensagens

quarta-feira, 24 de março de 2021

Gonzalo López Abente 7

Dentro do seu corazón

Vina chegar nun abrente,
envolveita na alborada
e de roibéns coroada
a neve da súa frente;
no fulgor tremelucente
dun colar de pedraría
o milagre relucía
da belida face, como
cando Deus abriu o gromo
de lus do primeiro día.

Vina chegar no tesouro
mergullada da fervenza
que o seu cabelo destrenza
nunha fumarada de ouro;
presa nun ensoño louro
xermolando na paixón
e a cabalgar na ilusión
voadora dun salaio,
tiña máis gromos que maio
dentro do seu corazón.

Vina cruzar pola vía
frorida da mocedade,
vestida coa maxestade
escentilante do día;
o seu ollar refulxía
no zénit; con emozón
desfóllase unha canzón
e ao compás dos seus rumores
abalan logradas frores
dentro do seu corazón.

Vina ir pola vereda
melancónica da tarde;
na súa cabeza arde
vermella cofia de seda,
lourido o solpor enreda
coas xoias do seu xubón
que a negra desilusión
deixa, nun xiado sono,
máis follas secas que outono
dentro do seu corazón.

Vina ir polos vieiros
da nuite, na face súa
rebrila o livor da lúa
e o bagullar dos luceiros,
enloitada de nubeiros,
desfrorando unha oración,
pola tebrosa rexión
marcha, con dorido porte,
levando o frío da morte
dentro do seu corazón.

"Decrúa", Gonzalo López Abente

(Gonzalo López Abente nasceu no dia 24 de Março de 1878. Morreu em 1963.)

terça-feira, 24 de março de 2020

Gonzalo López Abente 6

Decrúa

Xa non hai sol, foise a lúa,
xa non cantan os poetas...
¡Hai que facer a decrúa
nas estradas dos planetas!

O río da noite fonda
os seus cabelos destrenza,
con duro balbor que estronda
nos abisos da fervenza.

Os perdidos viaxeiros
buscan daquel río os vaos.
Andan chorando os luceiros
extraviados no caos.

As chorimas amarelas,
homildosiñas de seu,
van, belidas e sinxelas,
ascendendo cara o ceu.

Po de estrelecer, lixeiras
bagullas de ouro, velliñas
abalando nas toxeiras
de feridoras espiñas.

Xa non hai sol, foise a lúa,
xa non cantan os poetas...
¡Hai que facer a decrúa
nas estradas dos planetas!

As chorimas amarelas
soben desde o monte seu
e ás irmanciñas estrelas
abren camiños no ceu.


"Decrúa", Gonzalo López Abente

(Gonzalo López Abente nasceu no dia 24 de Março de 1878. Morreu em 1963.)

quinta-feira, 25 de julho de 2019

Día da Patria Galega 2019

O Día de Galiza

Non imos matar mouros,
meus irmáns, por favor,
(aínda que o consello nestes tempos
carece de valor)
non imos, non, tras un cabalo branco
e unha espada fulxente coma o sol,
un e outra guiados
polo brazo forzudo dun siñor
que amorado dos iberos guerreiros
as delicias do ceu abandonou

Deixemos que as mesetas,
irtas e trigueiras,
ergan roxas bandeiras
a toque de trompetas,
que pra nós abonda
un sinxelo altar
nunha furna fonda
da beira do mar,
ou na soberana
pas dunha montana.

Nosoutros imos por un vieiro,
nosoutros imos por unha estrada
que o paso lene dun viaxeiro
con sangue quente deixou marcada.

E hoxe facemos festa
no meio do camiño,
sin desarrear a besta
nin beber moito viño;
queremos celebrar o noso día
baixo o agarimo de benina estrela,
sin mentar vanamente a valentía
que soio na ocasión debemos tela.


Gonzalo López Abente, "Decrúa"

(Hoje, 25 de Julho, é Día Nacional de Galicia, também conhecido popularmente como Día Nacional da Galiza ou Día da Patria Galega)

domingo, 24 de março de 2019

Gonzalo López Abente 5

Desterrado

- Teño de morrer, levaime
onde amei e fun amado.

Chove e venta, e os camiños
están enzarrapicados;
laia a nuite, aterecida
na friaxe dos chuvascos;
no seo dos arboredos
ecoan voces de espanto.
Pero o anceio, firente
como un coitelo afiado,
esgaza e fura no peito
do doente desterrado:

- Teño de morrer, levaime
onde amei e fun amado.

Olla no fondo da ialma
o curruncho en que foi nado
ofrecendo doce acougo
no lentor do seu regazo;
unha igrexa pequeneira,
un homilde camposanto
e o rogo que marmulea
a corrente dun regato:

- Teño de morrer, levaime
onde amei e fun amado.


"Decrúa", Gonzalo López Abente

(Gonzalo López Abente nasceu no dia 24 de Março de 1878. Morreu em 1963.)