O negriño Panchito
Chegou das Américas un home rico e trouxo consigo un negrito cubano, coma quen trae unha mona, un papagaio, un fonógrafo…
O negrito foi medrando na aldea, onde deprendeu a falar con enxebreza, a puntear muiñeiras, a botar aturuxos abrouxadores.
Un día morreu o home rico e Panchito trocou de amo para ganar o pan. Co tempo fíxose mozo cumprido, sen máis chatas que a súa cor… Aínda que era negro coma o pote, tiña graza dabondo para facerse querer de todos. Endomingado, con un caravel enriba da orella e unha pola de malva na chaqueta, parecía talmente un mozo das festas.
Unha noite de estrelas xurdiu no seu maxín a idea de saír polo mundo á cata de riquezas. Tamén Panchito sentiu, como todos os mozos da aldea, os anceios de emigrar. E unha mañá de moita tristura gabeou polas escaleiras dun transatlántico. Panchito ía camiño da Habana e os seus ollos mollados e brillantes esculcaban no mar as terras deixadas pola popa.
Nunca rúa da Habana o negro Panchito tropezou cun home da súa aldea e confesoulle saloucando:
- Ai, eu non me afago nesta terra de tanto sol; eu non me afago con esta xente. ¡Eu morro!
Panchito retornou á aldea. Chegou pobre e endeble; pero trouxo moita fartura no corazón. Tamén trouxo un sombreiro de palla e máis un traxe branco…
"Cousas", Castelao
(Castelao nasceu no dia 30 de Janeiro de 1886. Morreu em 1950.)
Sem comentários:
Enviar um comentário