segunda-feira, 29 de janeiro de 2018

Rafael Dieste 3

O neno suicida

Cando o taberneiro rematou de ler aquela nova inquedante - un neno suicidárase pegándose un tiro na sen dereita - falou o vagamundo descoñecido que acababa de xantar moi pobremente nun curruncho da tasca mariñeira, e dixo:
- Eu sei a historia dese neno.
Pronunciou a palabra neno dun xeito moi particular. Así foi que, os catro bebedores de augardente, os cinco de albariño e o taberneiro calaron e escoitaron con xesto inquiridor e atento.
- Eu sei a historia dese neno - repetiu o vagamundo -. E, tras dunha solerte e ben medida pausa, encomenzou:
- Alá polo mil oitocentos trinta, unha beata que despois morreu de medo viu saír do camposanto florido e recendente da súa aldea a un vello moi vello en coiro. Aquel vello era un recén nacido. Antes de saír do ventre da terra nai escollera el mesmo ese xeito de nacencia. ¡Canto mellor ir de vello para mozo que de mozo para vello!, pensou sendo espírito puro. A Noso Señor chocoulle a idea. ¿Por que non face-la proba? Así foi que, co seu consentimento, formouse no seo da terra un esqueleto. E despois, con carne de verme, fíxose a carne do home. E na carne do home aformigou a caloriña do sangue. E como todo estaba listo, a terra-nai pariu. Pariu un vello en coiro.
[...]


"Dos Arquivos do Trasno", Rafael Dieste

(Rafael Dieste nasceu no dia 29 de Janeiro de 1899. Morreu em 1981.)

Sem comentários:

Enviar um comentário