terça-feira, 30 de janeiro de 2018

Castelao 5

Tiña eu once anos cando meu pai, que estaba na Arxentina, nos chamou cabo de si; e alá fomos embarcados, a miña nai e mais eu, nun paquete alemán. E axiña de arribar a Bos Aires pillamos un tren que corría moito e logo outro tren que corría pouco e dispois un coche de cabalos que nos levou a tombos polo deserto da Pampa. Naquela soedade plantara meu pai unha casa para facerse rico, cavilando sempre nos eidos nativos; i era forza pecha-los ollos ó circio traballo en espera do retorno feliz.
A nosa casa era o centro comercial de dez légoas á redonda. Alí vendíamos de todo e alí mercábamos canto producía o país: lan, coiros e prumas. O mostrador do comercio estaba defendido con reixas de ferro, porque na nosa casa - portelo obligado de moitos vieiros - paraban a de cotío "gauchos" bravos, afeitos a tomarse de bebida para aldraxarnos co coitelo na man.
Eu doíame de durmir enriba do mostrador, en compaña do outro dependente. Miña nai, a probe, choraba de verse antre xentes sen relixión. E os dous, feridos de saudade, botábamos de menos a probeza limpa dos meus avós, que xa se tornara azul diante da moura fartura do presente; e no filo en que os nosos ollos se avistaban desbalsábanse en bágoas.


"Retrincos", Castelao 

(Castelao nasceu no dia 30 de Janeiro de 1886. Morreu em 1950.)

Sem comentários:

Enviar um comentário