segunda-feira, 30 de maio de 2016

Xavier Costa Clavell

¿De quen era fillo? Non se sabía nin quen era o pai, nin siquer a nai, inda que se sospeitaba que era unha muller que se tiña deitado con varios homes na bisbarra de Vimianzo. Tampouco era coñecido o lugar do seu nacemento.
O único que a xente sabía era que o meniño que non tiña moito máis cunha semán cando apareceu envolto con roupas de abrigo, a pesar de que xa viñera a primavera, ao pé dun rústico muro de pedra que separaba o camiño das silveiras. ¿Onde? Había quen dicía que nas terras de Vimianzo. Pero outros afirmaban que fora preto da parroquia de San Tirso de Oseiro, onde nacera Manuel Murguía, na belida terra cuxa paisaxe vén a ser unha suave transición hacia a terra bergantiñán, cantada por Pondal. Incluso había quen aseguraba que o picariño fora deixado ó abrigo da "Pena Forcada", situada nada menos que nos míticos Montes de Traba.
O único certo era que ó "fillo do vento" recollérano uns labregos do val de Vimianzo e que coidaron del ata que foi levado ao hospicio da cidade de Santiago de Compostela, onde foi bautizado poñéndolle o nome de Manuel. Criouse no hospicio e, naturalmente, o seu apelido era Expósito.

Ben sei que me chaman o "fillo do vento". ¿Por que? Porque non saben quenes foron os meus pais. A miña nai concebiume ao ser fodida polo vento este tolo preto de Fisterra. Tamén din que nacín nun palleiro e fun atopado á beira dunha silveira, ao pé dun valado. ¿E que? Non me importa nada o que diga de min a xente. Eu son o Manoliño. Fun criado nun hospicio e, cando tiña catro anos, adoptoume o que considero meu pai, don Fernando Filgueira Fernández, que rexenta a parroquia que está á beira de Vimianzo, vila que me é moi querida.
 
"Fillo do Vento", Xavier Costa Clavell
 
(Xavier Costa Clavell nasceu no dia 30 de Maio de 1923. Morreu em 2006.)    

Sem comentários:

Enviar um comentário