Mostrar mensagens com a etiqueta Pura Vázquez. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Pura Vázquez. Mostrar todas as mensagens

quarta-feira, 31 de março de 2021

Pura Vázquez 7

Bisbarra desta dor

Quixen coller do vento o salgadío pulo
da flor brillante i-o arelar que fire.

O noitébrego xeo das derrotas.
Os saregos do saibo dos meus beixos,
e a beleza das praias relembradas.

Voráxes do meu tempo e luces nídias
voltarían cal dornas fuxitivas
de ribeiras que alongan ó infinito.

Detrás dun mar lonxíncuo de soidades
ateime contra o gris agraz de nube
coa opulencia marela das mimosas,
os abrochos e os érvedos. O luxo
primaveral de herbiñas e camelias.

vou na bisbarra desta dor chegando
ata un destempo alto e repetido
nas longas estacións que tece o invemo.


"A Música dos Tempos", Pura Vázquez

(Pura Vázquez nasceu no dia 31 de Março de 1918. Morreu em 2006.)

terça-feira, 31 de março de 2020

Pura Vázquez 6

Nas bagas do pasado 

Eran outras as árbores cando outono chegaba
cos ventos, follas lábiles, cotidiáns salmodías. 
 
A nosa adolescencia fervía perfilándose
dentro de nós cos grises, pequenas rebeldías. 
 
Entre os áulicos mármores do adral líamos nomes.
Exhumábamos ledas lendas e paganías. 
 
Inventábamos xades coas pedriñas brillantes
entre os tallados vidros nas areas das rías. 
 
Que confusión extraña coas liturxias naceron
de mitos, contramitos, sagas, mitoloxías. 
 
Na contraluz das sestas. Na espesura das horas
navegaban os soños por idoiras bahías.

"Desmemoriado Río", Pura Vázquez

(Pura Vázquez nasceu no dia 31 de Março de 1918. Morreu em 2006.)

domingo, 31 de março de 2019

Pura Vázquez 5

O mar daquela infancia

Esta louvada mar de ulido a infancia.
Aurora da nenez. Mencer doutrora.
Mar de cantigas gaias e amarantos.
Redonda mar, fronteira dos regresos.

Adondada vixilia a dos abrentes
para a nena que fun de arela pura
onde xurdían bosques e raíces
pue me levaron lonxe coas lembranzas.

Resíos abrollantes coas saudades
polos cómaros altos o soñado.
Os axexos e os nimbos dunha vórtice
nos ámbitos luarentos das volallas.

Anxos de luz. Luz fonda que arrodean
a fronte deste deste mar. No seu misterio
co esplendor da beleza. A lábil gracia
e onde perduran sebes invisibles,
chuvias lustrais. Pleamares enleadas.


"A Música dos Tempos", Pura Vázquez

(Pura Vázquez nasceu no dia 31 de Março de 1918. Morreu em 2006.)

terça-feira, 10 de julho de 2018

Pura Vázquez 4














(Pura Vázquez, 1918-2006, está de centenário)

sábado, 31 de março de 2018

Pura Vázquez 3

Gaivota gris e branca pisa o mar.
Ave ceibe en remota luz voando
conxugada co azul e as caracolas.

Paxaro que en bandadas te proiectas
avizor fermosísimo dos mares.
Xogas coas cristas de escumantes ondas,
corpos lixeiros. Vóos verticais.

Choutas pola amorosa liberdade
das soedades abertas cara os ceos.
[Aves ditosas fronte e un mar grisallo
de sámagos abríndose en magnolias].

Raíña dos rochedos e das praias.
Pescadoira nas calas que o mar bate.
Crávaste nos espellos que te cegan,
onde enredan os peixes descoidados...

"Man que Escribiu no Mar", Pura Vázquez

(Pura Vázquez nasceu no dia 31 de Março de 1918. Morreu em 2006.)

sexta-feira, 31 de março de 2017

Pura Vázquez 2

Amante

Pol-os vieiros vai
cheo de lúa
¡meu amante!
Vai cheíño de lúa...
Brincafollos no sangue.
Lévao a noite. Vai,
ollos de lúa, buscándome.
Alba deloirada, alba
do infindo amor, afogándome.
Vino pasar cheo de lúa,
pol-os camiños, amante...
Levávao a noite. Iba,
ollos de noite, buscándome.


"Maturidade", Pura Vázquez

(Pura Vázquez nasceu no dia 31 de Março de 1918. Morreu em 2006.)

quinta-feira, 31 de março de 2016

Pura Vázquez

No convento antigo daba o sol de cheo cando o frade novo chegou, apoucado por a calor, encortido e suoroso. Recurvábaselle o lombo baixo o peso do fato que non quixo darlle a naide, senón rubilo il por o camiño aquel que somentes de cabras semellaba. Como un sacrificio a que se obrigase no seu interior por aquil que tantas veces caíra baixo a pesadume da Cruz, redenzón dos pecadores e aldraxes da contorbada humanidade.
Os ollos baixos, a face cerril, esvaída nos imos pensamentos, non tivo siquera un ollar para paisaxe que se espaiaba lonxe, alá no fondo da estación, entre os outeiros e soutos de castiñeiros, cheos de recendentes candeas e follaxe, en aquel mes de outono grorioso de beleza, con rechouchíos de paxaros e cheiros de resiña, de frolciñas que o adro namoriscado amostraba.
Chegou ao convento. Atopando aberta a porta da irexa, entrou a por ela sen apousar siquera o fato, e foise direito ao altar do Crucificado que naquela sombra os seus deslumeados ollos lle finxía querer saírse da Cruz e arrincar dos cravos as tradeadas maus. Caíu de xoenllos e deu coa testa na pedra fría, como un condenado que arredase misericordia, entrou na santa Casa.
Non quixo falar con ningún dos frades que atopóu por as ringleiras de pasigos, e diulles o saúdo nunha homildosa incrinación e cabeza, turrando para adiante até chegar á cela do Pai Superior. Aló estivo tamén moito tempo. Falaron baixiño coma en confesa, e cando saiu de alí parecía coma se un peso terríbel lle houbese sacodido a alma.
Pasaron días, e nadie sabía de onde o frade podía vir. Os outros, díronse a cavilar e a marmular entre iles de aquil silencio que non adiviñaban se era mudés ou soberbia non vencida. O frade calaba sempre. Ao pasar por unda eles, incrinaba os pálpebros e a cachola, pro os labres seguían pechados e non deixaban fuxir verba algunha.

"O Frade Era Galego e Outros Relatos", Pura Vázquez

(Pura Vázquez nasceu no dia 31 de Março de 1918. Morreu em 2006.)