Mostrar mensagens com a etiqueta Os Dous de Sempre. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Os Dous de Sempre. Mostrar todas as mensagens

quarta-feira, 30 de janeiro de 2019

Castelao 6

O rapaz escrequenado entra, baril, no mundo das miserias

Rañolas era de certo un rapaz intelixente, con moitos anceios de saber. As contas que botaba non marraban, nin os seus ditos tiñan volta. Como dín alí, contáballe os pelos a un can e sabía o que esquecéu o demo.
Pouquiño a pouco o malpocado rapaz foi deprendendo o silabario que Pedriño lle ía ensinando a forza de peras, mazáns e pexegos; mais chegóu un dia en que a nai do Rañolas quixo que o seu fillo probase mundo e botóuno aos camiños, na compaña duns moinantes que vivían amostrando as súas lacras nas romerías. E o eivado desaparecéu da vila.
Nos primeiros tempos Rañolas choraba; pero con dúas ou tres malleiras que lle zorregóu o amo xa deprendera dabondo e non precisóu de máis consellos contundentes.
A poeira dos camiños e o sol do vrán fórono demudando, e ao pouco tempo Rañolas cheiraba ao burruallo i era un moinante máis.
Cos ollos adoecidos pola poeira e co coiro queimado polo sol, sempre a berrar nos camiños de romería, Rañolas pasóu catro meses e deprendéu máis cousas que deprendería o seu amigo Pedriño en vinte anos de escola.
[...]

"Os Dous de Sempre", Castelao 

(Castelao nasceu no dia 30 de Janeiro de 1886. Morreu em 1950.)

sexta-feira, 30 de janeiro de 2015

Castelao 2

Lembranza da casa e dun pelo da tía Ádega

A tía Ádega vive nunha casa pequerrecha, sempre ben encaleada, cunha balconeta de madeira, antre dúas fiestras xemelas, e unha porta de dúas follas. A casa ten fisonomía de moneco, con ollos, nariz e boca, e logo un caparuchete de tellas na cabeza. Cando a tía Ádega cerra unha fiestra, a casa chisca un ollo.
Dentro todo está fregadiño de sábado, co chán estrado de area do mar, ben peneirada. No apousento de recebir loce o sofá de respeto con funda de lenzo crú marcado cunha gran letra bermella bordada a punto de cruz. Na cociña brila unha chocolateira de cobre, e pola bufarda do vertedeiro óllase sempre o longo pé dunha col que o vento abanea docemente.
O durmidoiro é o "sancta sanctorum" familiar, onde nasceron e morreron os antergos da casa. A vella é a gardadora deste apartamento de nascer e morrer vedado sempre ás olladas profanadoras dos alleos. Alí o mesmo aire ten que entrar a furto. A vella durme no leito en que veu ao mundo: unha cama de buxo retorneado, aburada de silenzos e saudades. A lampariña de aceite asolaga todo nun cheiro morno e misterioso. Esta lámpara, que foi azucareira noutro tempo, sirve agora de vaso sagrado, onde aboia, día e noite, unha luciña, a morrer de tristura polas moscas que veñen suicidarse no aceite.
Veleiquí as lembranzas que conservo da casa; pero da tía Ádega gardo un punxente recordo: nacéralle no queixo un soio pelo, enribirichado como o rabo dunha o. Este pelo, único, amostraba unha forteza de vinte xuntos, e saíalle para diante, ofensivo como un corno.
Moitas veces o pelo da tía Ádega desaparecía i entón era temíbel, porque sempre lle quedaba, arrentes do queixo, un cañoto cortado en bico de clarinete. Eu lémbrome de que todos os rapaces tíñamos medo aos seus bicos e refugábamos os melindres que nos oferecía, porque todos os pícaros que a tía Ádega bicaba unha vez quedaban avisados para sempre, e por moito que a vella fixese endexamáis lograba espetar dúas veces, nas fazulas dun mesmo neno, aquel terríbel alferrón que Deus lle plantara no queixo.
Non gardo máis lembranzas do seu físico; mais, en troques, teño na memoria un balume de lembranzas da súa bondade. 

"Os Dous de Sempre", Afonso Rodriguéz Castelao 

(Castelao nasceu no dia 30 de Janeiro de 1886. Morreu em 1950.)