Lembranza da casa e dun pelo da tía Ádega
"Os Dous de Sempre", Afonso Rodriguéz Castelao
(Castelao nasceu no dia 30 de Janeiro de 1886. Morreu em 1950.)
A tía Ádega vive nunha casa pequerrecha, sempre ben encaleada, cunha balconeta de madeira, antre dúas fiestras xemelas, e unha porta de dúas follas. A casa ten fisonomía de moneco, con ollos, nariz e boca, e logo un caparuchete de tellas na cabeza. Cando a tía Ádega cerra unha fiestra, a casa chisca un ollo.
Dentro todo está fregadiño de sábado, co chán estrado de area do mar, ben peneirada. No apousento de recebir loce o sofá de respeto con funda de lenzo crú marcado cunha gran letra bermella bordada a punto de cruz. Na cociña brila unha chocolateira de cobre, e pola bufarda do vertedeiro óllase sempre o longo pé dunha col que o vento abanea docemente.
O durmidoiro é o "sancta sanctorum" familiar, onde nasceron e morreron os antergos da casa. A vella é a gardadora deste apartamento de nascer e morrer vedado sempre ás olladas profanadoras dos alleos. Alí o mesmo aire ten que entrar a furto. A vella durme no leito en que veu ao mundo: unha cama de buxo retorneado, aburada de silenzos e saudades. A lampariña de aceite asolaga todo nun cheiro morno e misterioso. Esta lámpara, que foi azucareira noutro tempo, sirve agora de vaso sagrado, onde aboia, día e noite, unha luciña, a morrer de tristura polas moscas que veñen suicidarse no aceite.
Veleiquí as lembranzas que conservo da casa; pero da tía Ádega gardo un punxente recordo: nacéralle no queixo un soio pelo, enribirichado como o rabo dunha o. Este pelo, único, amostraba unha forteza de vinte xuntos, e saíalle para diante, ofensivo como un corno.
Moitas veces o pelo da tía Ádega desaparecía i entón era temíbel, porque sempre lle quedaba, arrentes do queixo, un cañoto cortado en bico de clarinete. Eu lémbrome de que todos os rapaces tíñamos medo aos seus bicos e refugábamos os melindres que nos oferecía, porque todos os pícaros que a tía Ádega bicaba unha vez quedaban avisados para sempre, e por moito que a vella fixese endexamáis lograba espetar dúas veces, nas fazulas dun mesmo neno, aquel terríbel alferrón que Deus lle plantara no queixo.
Non gardo máis lembranzas do seu físico; mais, en troques, teño na memoria un balume de lembranzas da súa bondade. "Os Dous de Sempre", Afonso Rodriguéz Castelao
(Castelao nasceu no dia 30 de Janeiro de 1886. Morreu em 1950.)
Sem comentários:
Enviar um comentário