Mostrar mensagens com a etiqueta A morte do "Capitán". Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta A morte do "Capitán". Mostrar todas as mensagens

domingo, 1 de março de 2020

Eliseo Alonso 5

[...]
O Demetrio (ía sendo hora de o dicir) era solteiro e estaba medio baldado de nacemento. Vestía un traxe de pana cheo de lamparóns, e na cabeza, completamente careca, levaba unha gorra que semellaba ter sido o branco dun cazador. Era amarelo mesmo que o San Benitiño da igrexa e moita xente, entre ela un que estivera en Cuba, non lle mercaban fanecas porque o noso bo cabaleiro sempre lle caía o  pingo.
Antes de darlle un cigarrillo, os mozos preguntáballe:
- ¿Quen é a túa moza, Demetrio?
 El surría un pouco, mostrando, fanado, unha ponte de dentes coma esteos e encollendo os ombreiros, repostaba:
- ¡Boh! ¡Boh!, ti xa sabes, ¡boh!
- Nos sei, non. Dimo ou hoxe non fumas.
- A señorita María.
A señorita María era a máis nova das brasileiras, bastante boa moza, anterga quizais, que sen ela sospeitalo, acordara o amor deste iluso cabaleiro.
O do cigarrillo aínda voltaba a teimar:
- ¿E que fixeste con ela, Demetrio?
- ¡Boh! ¡boh!, nada, ¡xosqueina!
Era feliz así, matinando posesións esvaídas, visións albeiras rompendo o luito da señorita María que el daba gozosamente por certas.
[...]

"Contos do Miño", Eliseo Alonso 

(Eliseo Alonso nasceu no dia 1 de Março de 1924. Morreu em 1996.)

sexta-feira, 1 de março de 2019

Eliseo Alonso 4

[...]
A freguesía do Demetrio compúñase case que toda de familias que tiñan unha persoa adoentada, que pouco a pouco ía queimando os cobres en mediciñas, ata o día que xa quedaban a deber as fanecas que o Demetrio fiaba.
Eran enfermos do peito e outros que por receta dos médicos tiñan que manxar peixes brancos. Na casa da señora Carme, que levaba a súa filla moi mala ía xa para tres años pola Santa Comba, o "Capitán" detíñase na porta sin que naide o mandase parar. O mesmo facía na casa de don Estevo, a réxime por mor dp estamo, e logo, a un quilómetro afora, na cancela das brasileiras, que sempre ceaban fanecas, discutindo moito o seu pezo e pedindo derradeiramente unha fanequiña de contrapeso...
[...]

 "Contos do Miño", Eliseo Alonso 

(Eliseo Alonso nasceu no dia 1 de Março de 1924. Morreu em 1996.)

quinta-feira, 1 de março de 2018

Eliseo Alonso 2

[...]
O "Capitán", de lombo combado, e o seu cabaleiro eran aínda hai poucos días servicio e risa de toda a aldea. Cando ao anoitecer pasaba camiño da fonte a darlle de beber, o Demetrio ía a carrancho del sempre dándolle as costas ao cabezal, namentres cantaba coplas a toda altura ou fumaba, botando abaixo as chupadas, un pitillo que alguén lle dera. O Demetrio era o grande cabaleiro destos tempos, que lle viraba as costas ao "que dirán" dos homes que len xornais e bican o anel dos bispos.

Aló pola estrada, o "Capitán", sen importarlle ren o barullo dos automóbiles, abaneaba os seus ganchos de catro fungueiros, todos os días camiño do porto de mar a esperar as fanecas, que ese era o peixe no que o seu dono se tiña especializado, así como outros (o mesmo que nas carreiras) ían aos xurelos, ás sardiñas, aos pacháns ou os mariscos e polbos.
-¡Hai faneca viviña!
[...]

"Contos do Miño", Eliseo Alonso

(Eliseo Alonso nasceu no dia 1 de Março de 1924. Morreu em 1996.)

quarta-feira, 1 de março de 2017

Eliseo Alonso

A morte do "Capitán"

Foi nos mornos días de primavera. Os rapaces da escola iban pasar os seus recreos nos lameiros do "Fial". Alí agonizaba dende xa había dous días o cabalo, case que un medio esqueleto co coiro apegado os ósos. Enxames de moscas azuis, as noxentas vareixas, revoaban e apegábanse teimosas nos beizos, nas orellas e nas partes capadas do "Capitán", sen que el poidese facer aqueles súbitos movementos de pel que as escorrentaban.
Polos ollos tristeiros e húmidos coma un serán de orballo, esvaíanselle ao "Capitán" as derradeiras visións dos frescos lameiros onde hai pouco pastaba entre os recendos de ababas e chuchameles; a visión dos regueiros de cristal, e a fogaxe das finas eguas que el nunca puidera cubrir. No mérito dos seus traballos pesados, quizais non pensase o "Capitán", porque non era home, nin siquera estaba agremiado nos sindicatos. Os rapaces da escola, poida que adiviñando ese doloroso intre do cabalo, permanecían calados, e con máis dignidade que os ministros de Estado, concedíanlle a súa máis alta condecoración, a de estar quedos e non facer barullo.
[...]

"Contos do Miño", Eliseo Alonso

(Eliseo Alonso nasceu no dia 1 de Março de 1924. Morreu em 1996.)