Mostrar mensagens com a etiqueta Abellas de Ouro. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Abellas de Ouro. Mostrar todas as mensagens

segunda-feira, 16 de março de 2020

Xosé Lesta Meis 5

Teñen unha vaca e levan un leirón en arrendo e mais un anaco de mato para louza. Pola mañá cedo érguese con ansia para munxi-la vaca. Se é luns inda vai primeiro río. Para o río vai decote cando aínda non se ve ben ó dereito e procura vir a tempo para lle ter preparado ó seu home o desaúno. Despois monxe a vaca e sae a vende-lo leite e algo máis que teña que por alí.
Cando vén xa son as dez da mañá. Ten que aparella-lo xantar e levarllo ó home. O home sempre lle di que escusa molestarse en llo levar; pódeo traer el pola mañá xa, como fan outros. Pero Ánxela non quer así. "Non me custa caro ningún - contéstalle ó home -. E mentres poida heicho levar sempre. Non me digas, non me digas que, por iso, a comida feita da hora é outra cousa. Ten mellor gusto. Alimenta máis. E o tempo dáo Deus de balde. ¡Éche o que teño que facer! ¡Boh, non fagas caso; tamén se espabila o corpo! O caso é que haxa saúde".
Antes de ir a levarlle o xantar ó home bota a roupa a enxugar. Pon o pote ó lume; ten que face-lo caldo. Entramentres ferve coa auga e máis coas fabas vai pelando as patacas. Hai que aproveitar ben o tempo para que todo estea listo á súa hora. Hai que non perder xeira. Xa ferve o pote con todo. Remexe o caldo. Fai as camas correndo.

"Abellas de Ouro", Xosé Lesta Meis 

(Xosé Lesta Meis nasceu no dia 16 de Março de 1887. Morreu em 1930.)

sábado, 16 de março de 2019

Xosé Lesta Meis 4

Esa vella, velliña, que vedes tódolos días pla mañá cedo, moi cedo, pouco despois de canta-lo galo a derradeira vez, pola eira adiante, e da eira para a casa, e da casa para a eira, e da eira para a horta, e da horta para o curral, é a siña Gabriela.
Non hai rapaz na aldea que non conoza a súa voz e os seus berros, nin que algunha vez non tivera que saltalo portelo da súa eira fuxindo do can e das amenazas da siña Gabriela, por defende-los figos, e as peras e mailas cereixas, da rapiña do rillotes.
¿Por que a siña Gabriela madruga tanto e por que cando outros se erguen xa ela está chea de traballar? ¿E por que, sendo tan vella, velliña, e non tendo máis que catro ósos que terman dela está decote traballa que traballa, sin dar descanso ó seu corpo?
Pois veredes.

"Abellas de Ouro", Xosé Lesta Meis 

(Xosé Lesta Meis nasceu no dia 16 de Março de 1887. Morreu em 1930.)

sexta-feira, 16 de março de 2018

Xosé Lesta Meis 3

Non vestes unha rapaza xeitosa, nin fea nin bonita, pero graciosa como ela sola e tan falangueira como non a hai mai; decote coa sorrisa nos labios como un sol á nacer e o corpo bulíndolle o mesmo que auga ô romper por entre cantullos? As suas meixelas teñen o coor das cereixas á medio madurar. É sangue de dazaoito anos, feita de purezas de aire aldeán; arrecendos de prados, herba cortada de fresco; fiuncheiras e nevedales outonizos.

"Abellas de Ouro", Xosé Lesta Meis 

(Xosé Lesta Meis nasceu no dia 16 de Março de 1887. Morreu em 1930.)

quinta-feira, 16 de março de 2017

Xosé Lesta Meis 2

Parece unha rapaza solteira. Non ten moitos anos, pero algús máis dos que aparenta si. Ninguén diría que xa foi nai catro veces nin que anda atafegada de labor. É algo cativa. Moi chusca. Moi arrichada. A roupa no seu corpo luce como no dunha señora. ¡Hai que vé-la qué mañosa é e como anda fresca, lixeira, espilida! Ela sola fai todo o da casa e mais o de fóra. O home anda ó xornal na Cruña. Non para na casa. Non é que non queira; non pode. Non ten tempo. Solasmentes no vrau, que son os días grandes, chega algús días cunha miaxa de sol. Daquela axuda algo por alí no que sea máis preciso. Pero pouco. Non quer Ánxela que abuse da súa saúde. Ánxela di que o que traballa para outro ten dabondo con contentá-lo sin que despois aínda traballe pra si. Non. O seu home que descanse cando veña de ganá-lo día, que boa falla lle fai. Ela facerá os labores todos. Que total non son nada...

"Abellas de Ouro", Xosé Lesta Meis 

(Xosé Lesta Meis nasceu no dia 16 de Março de 1887. Morreu em 1930.)