segunda-feira, 29 de maio de 2017

Xavier Costa Clavell 2

A finais do mes de setembro o meu pai, don Fernando, foi comigo a Santiago. Tiña once anos e ó seguinte mes cumpriría os doce. Ía a escomenzar os estudios do Bacharelato. Quedaban xa lonxe os meus tempos de hospiciano. Agora hospedaríame nunha fonda, cuxa dona, que era de Vimianzo, coñecía ó meu pai. Recomendoulle que cuidara de min. Ela, que se chamaba Fermina, díxolle que non se preocupara. Era unha señora duns cincoenta anos, e moi faladora. Tiña un bo corazón e non daba mal de comer, inda que comíase mellor na casa de don Fernando Filgueira. Os meus compañeiros de hospedaxe, sete, eran todos maiores ca min. Seis ían tamén ao Instituto. Un cursaba segundo ano e os outros xa estaban rematando o Bacherelato. O outro compañeiro chamábase Miguel e e tiña xa vinte anos. Estaba matriculado na Facultade de Ciencias da Información, no primeiro curso. A min resultoume antipático polo ar de superioridade que se daba. Escribía de cando en vez algún artigo no xornal "O Correo Galego". A min non me gustaba ningúns dos que lera. Tiña un estilo rebuscado, que ás veces facía que non se entendera ben o que escribía.
As conversacións que tíñamos ao xantar ou ó cear xiraban xeralmente sobre temas sexuais, cando non estaba presente a señora Fermina. Os meus compañeiros falaban como se foran donxuanes experimentados. A min semellábame que farfallaban e que nada do que dicían era certo. Pero non deixaban de me excitar aquelas charlas de sobremesa.
Eu era virxe. Pero xa fixera máis dunha palla. E cada vez facía máis.
 
"Fillo do Vento", Xavier Costa Clavell
 
(Xavier Costa Clavell nasceu no dia 30 de Maio de 1923. Morreu em 2006.)  

Sem comentários:

Enviar um comentário