quarta-feira, 14 de setembro de 2016

Eduardo Blanco Amor 2

Eu - contábame Toniño Cobas - nunca fora ás arrasadeiras. Ía ós morogos, ás cirolas bravas, ás cereixas da carretera, que se dan de seu e que non son de ninguén. Pro non ía ás arrasadeiras porque os que ían non me chamaban; i os rapaces que eu trataba non eran dos que ían de noite a roubar uvas, peras, mazás, pexegos, ananos ou o que caíse, asegún o tempo. Os gue andaban comigo e viñan á miña casa falaban mal diles pro tíñalles envexa.
Os que ían ás arrasadeiras eran ledos, destemidos, pelexaban por calquer cousa e ríanse de todo. A min non me somellaban ruís, pro eran eisí, i eu tíñalles envexa.
Coñecíaos dabondo e trataba a algús. Ás vegadas, na Alameda, cando tocaba a música de tropa, chamábanme aparte (iles non entraban no paseio do meio, que era o do señorío) e dábanme de todo; enchíanme os petos; metíanme entre corpo i a brusa recimos inteiros que se me apegaban ó coiro. Tanto que, ás veces, tiña que  deixar o paseio (e logo dar disculpas e mintir) pra me baleirar de tanto que me daban e que non daba comido. Lémbrome que, un día, un recimo de moscatel traguía unha avéspora e púxose a me picar tanto que ceibei con todo frente á botica do Román. Deume vergoña porque pasaba moita xente e viron todos que me puña a brincar, coa camisa defora, ciscando as uvas por todas partes.
A min non me acadaba ben que uns rapaces fixeran unhas cousas e que outros non as poideramos facer. Miña nai decía que ire ás arrasadeiras era
roubar. Pro a min a verba non me semellaba axeitada; máis ben parecíanme troulerías de rapaces pra se adivertiren; e que por moito que collese cada un, entre o que daban i o que comían, non valía tanto como pra chatalos de ladrós. E somellábame tamén que o podiamos facer todos, e que non era xusto que o fixesen os rapaces máis ledos i arriscados e nosoutros non, porque eramos señoritos, ¡vaites co señorío!

"Os Biosbardos", Eduardo Blanco Amor

(Eduardo Blanco Amor nasceu no dia 14 de Setembro de 1897. Morreu em 1979.)

Sem comentários:

Enviar um comentário