Era unha inmensa barbaridade o que me acontecía en comparanza coa miña miúda significación. Sen razón algunha estaba no cárcere; sen razón algunha tíñanme incomunicado; sen razón algunha falábanme da morte. E estas senrazóns anguriábanme, porque, certamente, polas mesmas senrazóns podían matarme en calquera intre, como me dixera o tal Alcázar: "Se se comproba que es sindicalista, estás listo". E era fácil a comprobación, dado que eu mesmo o declarara cando me prenderan. Dixen que era sindicalista de Pestaña con igual sentimento de inculpabilidade que diría os anos que tiña, se mo preguntasen. Eu fixérame sindicalista cando calquera podía selo legalmente; e agora resultaba que aquel poder se-lo que un quixera non era máis que unha trampa maliciosamente consentida para logo pedirlle contas ós que nela caesen.
Con este discernimento, sentín nun repente esvaírenseme as resistencias. Fraqueáronme as pernas, os brazos e o espírito.
"O Silencio Redimido", Silvio Santiago
(Silvio Santiago nasceu no dia 18 de Outubro de 1903. Morreu em 1974.)
Sem comentários:
Enviar um comentário