Limiar
A xeito de S.O.S.
falo na madrugada:
Pechai tódalas portas
e que xa ninguén saia.
Sin a seiva nutricia
esmorecen as gallas.
Arbre antigo, Galicia,
fendérono ás machadas.
Unha ponla no mundo,
outra ponla na casa.
A ponla de alén mar
é soio unha metáfora.
O povo quere terra
como Anteo na fábula.
A terra quere povo
para ser fecundada.
Nunca virá de fora
remedio ou esperanza.
Si o noso povo morre
quedámonos sin patria,
pois patria e povo son
o mesmo en dúas palabras.
Pechai tódalas portas
e que xa ninguén saia.
"Viaxe ao País dos Ananos", Celso Emilio Ferreiro
(Celso Emilio Ferreiro nasceu no dia 4 de Janeiro de 1912. Morreu em 1979.)
Sem comentários:
Enviar um comentário