segunda-feira, 30 de janeiro de 2017

Castelao 4

Aínda eu era estudante cando se criou no meu maxín a idea de facer un cabezudo, e, como na mocedade todo semella ledo e facedeiro, busquei o tipo máis laído da vila para que tódolos veciños escachasen de risa, sen facerme cargo da miña falla de caridade.
Traballei de firme para remata-la obra, que xa era sonada polo meu creto de mañoso, e xa figuraba en letras de molde no programa de festas.
E chegou o día. Na praza non collía unha agulla. No adro da eirexa un rapaz toco portaba un feixe de foguetes debaixo do brazo, e o fogueteiro soplaba na mecha, agardando a primeira badalada das doce.
De súpeto tanxeron os sinos, estalaron os foguetes e unha «ben afinada banda» rompeu a tocar. A cousa xa non tiña remedio. Saíu o meu cabezudo e no mesmo intre a xente escachou a rir, como facía nas comedias dos titiriteiros.
- ¡É Peito de Lobo! ¡É Peito de Lobo!
I entón nun curruncho da praza xurdiron chíos firentes de mulleres que non daban atafegado un orneo que chegou a min coma un tremer de terra. Era Peito de Lobo que quería esnaquizarnos: ó cabezudo e mais a min.
Co medo que papei non puden gorenta-lo carneiro da festa. A cousa non era para menos. Peito de Lobo nunca quixo poñerlle man ós fillos por medo de romperlle os ósos, e contan que unha vez, querendo botar un barco ó mar, afundeulle o costal co lombo. Era moito home para min, que xa me sentía desfrangullado nas súas poutas de ferro.

"Retrincos", Castelao 

(Castelao nasceu no dia 30 de Janeiro de 1886. Morreu em 1950.)

Sem comentários:

Enviar um comentário