sábado, 21 de janeiro de 2017

Aníbal Otero 3

Entrou na cela e antes de que se afixera á escuridade unha man puxou por el para que se axeonllara. Era un franciscano novo, e rostro cerúleo, suave e mínimo. Pensou que aquel ser estaba tamén dominado por unha fantasía e non lle repugnou, aínda que ó primeiro lle dera a impresión de que a súa éxtase era finxida. Estaba encerrado nun círculo máis restrinxido có seu, pois era o descrito por outro home, e on o mundo infindo, e vindo xa de atrás en número indefinible.
Pero ó día seguinte coa cerimonia da Comuñón resucitou a súa estoxanza. Sentiuse perdido e triste, sen forza espiritual, sen confianza nela, pois esta baseábase na enxebreza física e moral, e esta última, que parecía a máis fácil de manter, fora a que perdera antes. El non era unha persoa xa, independente como el a concibira sempre, senón un ser perdido no mundo e suxeito ós vaivéns del. Esta idea de ser era máis infeliz cá de persoa, pero abríalle mellor o camiño da morte; sempre pensara que a de persoa era inferior, pero agora cría que a de ser abríalle mellor a compresión do mundo, do nacemento e da morte. Era o fundamental loitar por este, non pola perfección daquela; e a vida como lograda satisfacía por si soa e desaparecía o desgusto de, no outro caso, non logra-la perfección a que por tela parecía un obrigado. Só lle faltaba perfección a aquela idea. Xa antes tivera mostras do seu valor cando chegou a pensar todo o que atanguía na realidade cun valor excepcional, cando antes bastaba que unha cousa chegase a realidade para que el a estoxase como baixa para o espírito, que se dedicaba a atanguer outra para baixala tamén. Pero non chegara a desenvolverse tanto como agora nin a albisca-las grandes perspectivas dela e a grandeza espiritual que tiña. 

"Esmoriz", Aníbal Otero

(Aníbal Otero nasceu no dia 21 de Janeiro de 1911. Morreu em 1974.)

Sem comentários:

Enviar um comentário