quinta-feira, 13 de setembro de 2018

Eduardo Blanco Amor 4

Cheguei cedo e non había aínda ningún. Os catro ou cinco que logo foron aparescendo, non me fixeron caso e puxéronse a falar entre iles. Logo chegou Pepe o Roxo e chamárono aparte e puxéronse a disputar. Eu dábame conta que era por min. Nunha desas, o Roxo pegoulle un arrempuxón ó Caparrás e sacudiulle unha lapada ó Peste, e todo se arranxou.
Veuse pra min, colleume polo ombreiro e botamos a andar pola congostra que arrodea a viña de dona Calrota. Os outros ían adiante, alobados sin falar nin rir, como quens están afeitos a tales adubíos. A min batíame o peito, pro eu sabía que non era de cagana sinón de ledicia.
Dempois fumos dando arrodeos até saír a un campón con choupeiras, onde algunhas vegadas nos sentabamos coa miña nai e meus irmaos a merendar.
De noite todo somellaba difrente porque eu non tiña andado de noite por ningures, non sendo polas rúas da vila, nin xiquer polos arredores. Si non foramos tantos e si o Roxo non me levase a par de si, poida que chegase a ter medo. Pro naquil intre, non o tiven.

"Os Biosbardos", Eduardo Blanco Amor

(Eduardo Blanco Amor nasceu no dia 14 de Setembro de 1897. Morreu em 1979.)

Sem comentários:

Enviar um comentário