sábado, 22 de setembro de 2018

Belén Feliú

Como farol sombrizo entre dúas canículas

Manterán os homes sabios que o azar non existe. Que non pode existir nun mundo gobernado polo deus único. Que todo está escrito dende os tempos inmemoriais. Tal dirán.
Porque o azar non existe, hoxe estou de novo en Lisboa. E pola mesma razón non podo evitar verme chegando a este porto hai tres anos. Xusto tamén no mes de xullo. Xullo do trinta e cinco.
Véxome leda apoiada na varanda do barco, anceiando terra tras cruzar as augas. Véxome naquel tempo irreal tornando á miña decrépita Europa, esta que hoxe xa non está decrépita senón habitada polos ventos da loucura invasora e demoledora. Eu vina ben disposta para frecuentar as vellas amizades no medio do meu espírito lixeiro. Hoxe, pola contra, espero escapar de Lisboa porque eu si presinto os campos cheos dos que no seu día non puideron dar creto. Dos que cegaron ante a barbarie. Dos que non creron no muro do fascismo que anda a nos cernar e seguiron cara adiante. Atónitos co croque final.
Eu, que vivo do xogo, creo que o azar a penas existe na copa do meu chapeo.

[...]

Belén Feliú

(Belén Feliú nasceu no dia 22 de Outubro de 1961. Morreu no dia 23 de Setembro de 1997.)

Sem comentários:

Enviar um comentário