Intencións
Encheremos as velas
coa luz náufraga da madrugada
Pendurando en dous puntos cardinais
a randeeira esguía
do pailebote branco
Coas suas mans loiras
acenan mil adeuses as estrelas
Inventaremos frustradas descobertas
a barlovento dos horizontes
pra acelerar os abolidos corazóns
dos nosos veleiros defraudados
Halaremos polo chicote
dun meridiano innumerado
Na illa anónima
de cada singradura
esculcaremos o remorso da cidade
Ela noctámbula esfollará
como unha margarida prostibularia
a Rosa dos Ventos do noso corazón
Encadearemos adeuses de escuma
para tódalas praias perdidas
Xuntaremos cadernos en branco
da novela errante do vento
Pescaremos na rede dos atlas
ronseis de Simbad
E cazaremos a vela
sobre o torso rebelde das tormentas
para trincar a escota dunha ilusión.
"De Catro a Catro", Manuel Antonio
(Manuel Antonio nasceu no dia 12 de Julho de 1900. Morreu em 1930.)
Sem comentários:
Enviar um comentário