sábado, 29 de maio de 2021

Agustín Fernández Paz 6

Conforme pasaban os minutos, a insolencia daquel alumno ía en aumento. Xa non se trataba só do seu ostentoso desprezo ás explicacións que o profesor, con paciencia infinita, repetía unha e outra vez. O peor era que, ademais, o mozo tentaba atraer a atención dos seus compañeiros cos máis variados procedementos e, por qué non dicilo, cun éxito cada vez maior.
Atentos como estaban ás impertinencias do seu compañeiro, os alumnos non se decataron das transformacións mínimas que anunciaban o desastre: o medre desmesurado das uñas, as grosas serdas que apareceron na pel, o sangue coloreando os ollos, os cairos afiados que asomaban por entre uns labios anormalmente inchados, a desfeita nas costuras da chaqueta e o pantalón... 
Cando foron conscientes do que ocorría, era xa demasiado tarde. Algúns aínda tiveron un tempo fugaz para pensar en balas de prata e en cruces invertidas, e na ausencia da lúa chea, máis evidente naquela mañá de primavera, e noutras inútiles fantasías cinematográficas, tan afastadas do rutineiro mobiliario escolar que os rodeaba. 
Así de terribles e inagardados son algúns fenómenos de licantropía.


"Relatos Mínimos", Agustín Fernández Paz

(Agustín Fernández Paz nasceu no dia 29 de Maio de 1947. Morreu em 2016.)

Sem comentários:

Enviar um comentário