Agora vexo ben o azul de alá endiante, onde o río dá a volta darredor do penedo. Vexo como se espalla ese rachón de ceo, esa guichola cinguida polas nubes viaxeiras. Tantos anos aquí, nesta aldea mortiza, dando por ollado e sabido cánto hai, hastra que caio na conta de que nada conozo. Todo é vello e novo ó mesmo tempo. Todo está e non está. E eu ando a beliscarme pra saber de min, pra ter a seguranza de que son e de que estou. Dende que se me deu por traguer as miñas cavilacións aquí, á orela da ponte, véxolle un novo anchor ó mundo e avivecen en min, en mestura de anduriña e toupa, uns degaros tolos de fuxir e un sono de pedra vella que se afunde maina e silandeira no miolo da terra.
O río sigue no seu, coma fai catro ou cinco ou cen mil anos. Sigue rolando, moendo o tempo e luindo pelouros con feroce teimosía; badúa, ruxe, agurgulla en escumas, fura nas raiceiras, e eu vexo nel a vida, o alento de cada hora dándolle feitío á eternidade, e síntome cativa no arrimo desta orela, destas pedras carricentas postas polo xenio andeiro dos romanos.
"Querido Tomás", Xosé Neira Vilas
(Xosé Neira Vilas nasceu no dia 3 de Novembro de 1928. Morreu em 2015.)
Sem comentários:
Enviar um comentário