Foi nos mornos días de primavera. Os rapaces da escola iban pasar os seus recreos nos lameiros do "Fial". Alí agonizaba dende xa había dous días o cabalo, case que un medio esqueleto co coiro apegado os ósos. Enxames de moscas azuis, as noxentas vareixas, revoaban e apegábanse teimosas nos beizos, nas orellas e nas partes capadas do "Capitán", sen que el poidese facer aqueles súbitos movementos de pel que as escorrentaban.
Polos ollos tristeiros e húmidos coma un serán de orballo, esvaíanselle ao "Capitán" as derradeiras visións dos frescos lameiros onde hai pouco pastaba entre os recendos de ababas e chuchameles; a visión dos regueiros de cristal, e a fogaxe das finas eguas que el nunca puidera cubrir. No mérito dos seus traballos pesados, quizais non pensase o "Capitán", porque non era home, nin siquera estaba agremiado nos sindicatos. Os rapaces da escola, poida que adiviñando ese doloroso intre do cabalo, permanecían calados, e con máis dignidade que os ministros de Estado, concedíanlle a súa máis alta condecoración, a de estar quedos e non facer barullo.
[...]
"Contos do Miño", Eliseo Alonso
(Eliseo Alonso nasceu no dia 1 de Março de 1924. Morreu em 1996.)
Sem comentários:
Enviar um comentário