quinta-feira, 22 de abril de 2021

Victoriano Taibo 7

Brua o mar!

A flor do inverno é de neve, o azul do ceo, embazado,
ña Mai Terra aterecida ten un canto amargurado;
Brúa o mar! As ardentías escachan-se nas rompentes,
e os cons varudos agachan as súas cristas trementes;
Xeme o salgueiro dolente sintindo o beixo do xío,
e un alongado lamento sobre do leito do río;
Brua o mar! As furibundas olas, en inxente traza,
erguen-se outas e soberbas nunha espantosa ameaza.
A forteza do carballo arripía-se ca friaxe,
nos cumios ispidos prende a tristura do paisaxe;
Brúa o mar! Cada bruído é unha cega imprecación,
cada ola que se desfai, un berro de maldición;
Pola terra andan as almas a padecer e a chorar;
mas nas rías e nas furnas, cons e barras, brúa o mar;
Brua o mar! Doente, tolo, con pavorosa tolemia,
a inmensidade é unha moura e horripilante blasfemia.
Luitadores!
A luz do lóstrego aluma
a rúa pr'onde camiña o noso esforzo lanzal:
sexan nosas almas brancas como o craror da alba escuma,
que o nordés revolve airado nas mourenzas do peiral.

"Abrente", Victoriano Taibo

(Victoriano Taibo nasceu no dia 22 de Abril de 1885. Morreu em 1966.)

Sem comentários:

Enviar um comentário