terça-feira, 11 de dezembro de 2018

Manuel Rodríguez López 5

Negareime

Pra que vou a cantar do burgués,
larpeiradas, enchentas e frores?
Como pode empolar o meu peito
unha cántiga ollando mil dores?
Mariñeiros que engulen os mares,
silicosos mineiros que morren,
picariños que están sen escolas,
sen futuro, sen xeito e sen norte...
Con que liras pregades que cante
cando todas están desacordes?
Ergo os ollos e vexo manobras
a xantar, sen compango e sen postres,
enzoufados no chao pra seguir
traballando sen folgo astra a noite.
Ás mañás o arrabal formiguea
- entramentras o rico inda dorme -.
No taller un cronómetro fai,
asañoso, teimudos controles.
Tal becerros na feira do quince,
en camiós e autobuses os homes
sán das fábricas méntra-los xefes
ruben, fonchos, nos rápidos coches.
- Hai escravos que sirven ós ricos
dende a ialba fozando hastra a noite -.

Como pode empolar o meu peito
unha cántiga ollando mil dores,
Que tristura o vivir dos obreiros...!
Que de aldraxes esmagan ós probes...!

Negareime a cantar e rezar
mentras haxa quen xure e quen chore!

"Soldada Mínima", Manuel Rodríguez López

(Manuel Rodríguez López nasceu no dia 11 de Dezembro de 1934. Morreu em 1990.)

Sem comentários:

Enviar um comentário