Fortunato Cruces
Recordando a miña terra e a Rosalía Castro
Na provincia da Cruña e pretiño da vila de Padrón, hai unha
aldea que lle chaman Lestrove, que anque pequena, é moi bonita i alegre; e
Dios, así como hermoseou Galicia enteira con destintas riquezas, marabillas,
encantos e pinturas, tampouco apartou os ollos daquel lugar, facendo nacer unha
fror en cada palmo de terra.
Alí os veciños, teceláns e labradores, probes pro moi
risoños e cheos de robustez, teñen ó lado dos seus casuchos, xerdíns de
verduras e figueiras, e por calquer camiño que se atrevese, non se
alcontran
sinón mozas graceosas, rapaces divertidos e vellos con cara de salú.
Empezan as faenas dos traballos ó sentirse chiar os eixes dos carros que pasan
pola carreteira real con leña prás vilas, e millo prós mercados, ou cando se oí
a crara voz dun compoñedor de cestos que vai pregoando seu oficeo polas tortas
calles, ó mesmo tempo que os raios do sol aparecen por cima dos montes e os
melros redobran nas ponlas de carballos e bieiteiros.
Á man dereita, mirando ó sur, e no alto do lugar, xunto
duns muíños, está unha antigua casa, xa un pouco desfeita polas ducias de anos
que pesan nela, e noméase "Torre dos Hermidas", tendo na fachada dous
escudos de nobreza.
Arrimado a ese castillo, hai unha longa eira de chan
lousado e ó seu redor uns ringreiros de naranxos, noceiras, granadas, olivos e
loureiros.
Estar alí sentado é unha delicea, non soilo por ver tantas
crás de frutales, tantas follas verdes, rosas e caraveles, sinón tamén mirando
como unha fonte solta auga por tres caños, que se esparrama por uns regueiros
pra refrescar as herbas dunhas anchas campías: volvo a decir, alí énchense de
sangre as venas que están sequiñas, e os corpos enfermos crían forza, porque o
aire que se respira vén dun bosque de pinos mansos, e oise o baralluso canto
dos gorreóns mesturado co dos lavercos e pardillos: vense as veigas traballadas
e galeóns que andan de pesca por xunto das "Torres do Este" entre a
Puebla e Rianxo.
[...]
Fortunato Cruces
(Fortunato Cruces nasceu no dia 11 de Junho de 1870. Morreu em 1961.)
Sem comentários:
Enviar um comentário