O sucedido que vou referir contáronmo como certo. Dixéronme onde foi, que foi preto de Trives; vive aínda quen mo contou, e que, cando era novo, coñeceu a todas as persoas que andaron na historia, porque tampouco non hai tanto tempo que pasou: haberá coma cincuenta ou sesenta anos. Mais entre aquel tempo e o noso hai moita máis distancia que a que eses sesenta anos representan: hai toda a que poñen a soberbia e a pseudo cultura.
Dígoo porque agora que andan os sabios esbesullándose para esculcaren unha chea de feitos desta clase, o vulgo letrado das vilas non quere dar creto a estas historias por máis que llo aseguren persoas asisadas e verdadeiras. Eu teño para min que os antigos sabían disto moito máis do que nós podemos sospeitar tan sequera, e que moito do que sabían os antigos aínda o sabe o vulgo iletrado das aldeas.
Mais imos ao conto.
Era polo castañar. O tempo era revolto e outonizo, chovía por veces e facía tan escuro que era noite pouco despois de xantar. Ía un tempo coma de día de defuntos, e a tristura do mes das ánimas espallábase xa empardecendo o ceo por toda a banda.
O Ánxel andaba nun souto, onda o río da Cabalar. Era nativo de Sobrado e aínda non chegara ás quintas. Tiña o cabelo claro, os ollos azuís, as meixelas roxas. Tiña un gran peito e brazos fortes, e era coraxoso e valente. Estaba termando dun sequieiro e saíra nunha escampada a apañar folla no souto.
"O Lobo da Xente", Vicente Risco
(Vicente Risco nasceu no dia 1 de Outubro de 1884. Morreu em 1963.)
Sem comentários:
Enviar um comentário