domingo, 11 de julho de 2021

Manuel Antonio 5

Intencións

Encheremos as velas
coa luz náufraga da madrugada
Pendurando en dous puntos cardinais
a randeeira esguía
do pailebote branco.
Coas suas mans loiras
acenan mil adeuses as estrelas. 

Inventaremos frustradas descubertas
a barlovento dos horizontes
para acelerar os abolidos corazóns
dos nosos veleiros defraudados. 

Halaremos polo chicote 
dun meridiano innumerado 

Na illa anónima
de cada singradura
esculcaremos o remorso da cidade 

Ela 
noctámbula desfollará
como unha margarida prostibularia
a Rosa dos Ventos do noso corazón. 

Encadearemos adeuses de escuma
pra tódalas prayas perdidas
Xuntaremos cuardernos en branco
d' a novela errante do vento
Pescaremos na rede dos atlas
ronseles de Simbad 

E cazaremos a vela
sobre o torso rebelde das tormentas
pra trincar a escota dunha ilusión.

"De Catro a Catro", Manuel Antonio

(Manuel Antonio nasceu no dia 12 de Julho de 1900. Morreu em 1930.)

Sem comentários:

Enviar um comentário