terça-feira, 3 de novembro de 2020

Xosé Neira Vilas 5

Anisia

Tamén ti es de Gres,
amiga, amada.
De Gres e miña, nosa,
de nós todos.
Deste río, deste val e destes montes.
Es desta terra,
deste vello lugar,
da xente desta aldea
que te agarima
dende que aquí pousaches
as túas ás de pomba tropical.
Es daquí e dalá
daquela Antilla,
daquel soleado corazón -.
Es palma e piñeiro,
sinsonte e rula,
gaita e bongó.
Dúas patrias
que o mesmo mar abraza.

Es de Gres, deste eido.
Así o sinto
cando regas acivros e camelias,
e ollas estes campos verdecentes,
e bebes destas augas,
e recolles un seixo milenario,
e vas polos meus carreiros
ou falas cos veciños
na lingua ancestral, viva e sagrada.

Anisia,
cidadá do mundo,
árbore florecida
con raíces en Cuba
e a vizosa ramaxe
con espazo de seu, intransferible
neste doce, inmemorial recanto.

Xosé Neira Vilas

(Xosé Neira Vilas nasceu no dia 3 de Novembro de 1928. Morreu em 2015.) 

Sem comentários:

Enviar um comentário