Cántiga
N'o xardin unha noite sentada
Ó refrexo d'o branco luar,
Unha nena choraba sin trégolas
Os desdés d'un ingrato galan.
Y-a coitada entre queixas decia:
"Xa n'o mundo non teño ninguén,
Vou morrer e non ven os meus ollos
Os olliños d'o meu doce ben."
Os seus ecos de malenconía
Camiñaban n'as alas d'o vento,
Y-o lamento
Repetía:
"Vou morrer e non vén o meu ben!"
Lonxe d'éla de pé sobr'a popa
D'un aleve negreiro vapor,
Emigrado, camiño d'América
Vay o probe, infelís amador.
Y-o mirar as xentís anduriñas
Car'á terra que deixa cruzar:
"¡Quén pudera dar volta, pensaba,
Quén pudera con vosco voar!..."
Mais as aves y-o buque fuxían
Sin ouir seus amargos lamentos;
Sólo os ventos
Repetían:
"¡Quén pudera con vosco voar!"
Noites craras, d'aromas e lua,
Desde enton ¡qué tristeza en vos hay
Pr'os que viron chorar unha nena,
Pr'os que viron un barco marchar!...
D'un amor celestial, verdadeiro,
Quedóu sólo, de bágoas á proba,
Unha coba
N'un outeiro
Y-on cadavre n'o fondo d'o mar.
"Aires da Miña Terra", Manuel Curros Enríquez
(Manuel Curros Enríquez nasceu no dia 15 de Setembro de 1851. Morreu em 1908.)
Sem comentários:
Enviar um comentário