A pouco andar, e cando ía chegando polo mesón que lle din da Cristalina, o tempo atepedouse, coasi de súpeto, cun neboeiro que se viña erguendo do sul, negro coma mis pecados, pro de máis bo levar que aquela friaxe de coitelos que me deu no rosto da cara ó saír da casa da miña amiga. Polos altos do ceio, que arestora estaban a crarexar a modiño, coma con preguiza, víñanse erguendo unhas nubes empardecidas e víase que ía cambiar o tempo pra tronada. Eu estaba vendo que se me ía amolar o día de traballo, pro non habería disculpa que me valese, coma noutras ocasións que me agarraba a calisquera cousa pra non ir ás obras. Agora anque fose darrastro iría pra manterme no que prometera. Pediríalle ó capataz que me dese outro choio nas chabolas por esa xornada, que o caso era cumprir, e ademais aínda sei algo de ferreiro e de apuntar pistoletes dos barreneiros, picarañas e demais.
"A Esmorga", Eduardo Blanco Amor
(Eduardo Blanco Amor nasceu no dia 14 de Setembro de 1897. Morreu no dia 1 de Dezembro de 1979.)
Sem comentários:
Enviar um comentário