Mostrar mensagens com a etiqueta A Esmorga. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta A Esmorga. Mostrar todas as mensagens

sábado, 14 de setembro de 2019

Eduardo Blanco Amor 6

Coas pancadas e arrebuños que se deran e coas copas e a veciñanza do lume, puxéranselles as caras grandes e vermellas coma carautas do antroido. Véndoos en tal condición, e no mesmo istante en que estaba a facer mentes de non saír co iles, asomou o arrieiro pra decirnos, falando moi apresa, que acababa de entrar a parexa da Guardia Civil, que disque andaba a precurar a uns pándigos que estiveran na carreteira de grande liorta, que llo contaron unhas regateiras das que veñen cedo á vila pra vender o rianxo, e que si cadra eran os mesmos que armaran outra zarracina o sábado á noite na taberna do Chaguazoso. Eu non lle dei creto, porque xa se vía que o tal reateiro era un bo bardallas, no tocantes a que nos visen as regateiras. Estaba seguro que ninguén, que non fosen iles, tiña pasado cando os outros andaban a rompérense a ialma, e que eran iles mesmos os que contaran o asunto, pois eran homes moi renanteiros, de eses da raia dos maragatos, e ademais con moita de esa solercia que se adeprende polos camiños do mundo.

"A Esmorga", Eduardo Blanco Amor

(Eduardo Blanco Amor nasceu no dia 14 de Setembro de 1897. Morreu em 1979.)

sábado, 1 de dezembro de 2018

Eduardo Blanco Amor 5

A pouco andar, e cando ía chegando polo mesón que lle din da Cristalina, o tempo atepedouse, coasi de súpeto, cun neboeiro que se viña erguendo do sul, negro coma mis pecados, pro de máis bo levar que aquela friaxe de coitelos que me deu no rosto da cara ó saír da casa da miña amiga. Polos altos do ceio, que arestora estaban a crarexar a modiño, coma con preguiza, víñanse erguendo unhas nubes empardecidas e víase que ía cambiar o tempo pra tronada. Eu estaba vendo que se me ía amolar o día de traballo, pro non habería disculpa que me valese, coma noutras ocasións que me agarraba a calisquera cousa pra non ir ás obras. Agora anque fose darrastro iría pra manterme no que prometera. Pediríalle ó capataz que me dese outro choio nas chabolas por esa xornada, que o caso era cumprir, e ademais aínda sei algo de ferreiro e de apuntar pistoletes dos barreneiros, picarañas e demais.

"A Esmorga", Eduardo Blanco Amor

(Eduardo Blanco Amor nasceu no dia 14 de Setembro de 1897. Morreu no dia 1 de Dezembro de 1979.)

segunda-feira, 14 de setembro de 2015

Eduardo Blanco Amor

-
- Non señor, non lle foi eisí como está nise papel que leron, que os papeis teñen conta do que lle poñen enriba, anque non foi moito o que entendín. Eiquí, o siñor, bulía moito a ler, e a máis diso non estamos moi afeitos a ouvir ler en castelán, que eiquí non o falamos; e cando un que non sexa señorito se bota a falalo, decímoslle que fala castrapo… Pro, con todo, non foi eisí anque o diga a Guardia Civil, a tía Esquilacha ou o sulsuncordia, con premiso da súa cara. Nin do escomenzo das cousas, nin do que veu dimpois nin do remate, ninguén sabe nada porque ninguén viu nada, ou si o viron non repararon, que unha cousa é vere e outra reparare.
-
- Eu, como xa dixen, que eí non o apuntaron, ía pra o meu traballo. Ía pra o meu traballo, eisí Deus me dea, que endexamais saíra da miña casa, ou da casa da Raxada, que pra o conto vén sere o mesmo, tan determiñado a ir pró traballo. O sábado fora a Raxada a buscarme ás obras e fixeramos as paces, por mor dela, que a quero ben, pro máis por mor do pequecho que xa vai pra catro anos e como é tan espilido xa vai entendendo das cousas dista vida… Dormín co ela o sábado e mais o domingo, que boa falla me facía, pois mulleres hai moitas, pro como ela, ó menos pra min… Dunha noutra, tanto me palicou que… Como facía tanto frío e dormiamos moi apegados, non tiña máis remedio que escoitala, e a máis diso, tiña razón… E tanto me palicou que me fixo engradar, que endexamais unha muller me fixera engradar, fóra da miña nai, que as nais anque fagan engradar a un non é vergoña pra un home. E finou tendo razón nas verbas como a tiña decote nas carnes do seu corpo, que non me podo afastar dela por moito tempo e por moito que faga a Costilleta, que tamen sabe o seu… A Raxada, a máis deso, ten un aquel no xeito das falas, que as vai ceibando solermiñamentes na orella, que ás vegadas son coasi coma si fosen só o alento… E faloume de si e do cativo e das cousas diste mundo cabrón, con premiso da súa cara…

"A Esmorga", Eduardo Blanco Amor

(Eduardo Blanco Amor nasceu no dia 14 de Setembro de 1897. Morreu em 1979.)