terça-feira, 20 de agosto de 2019

Dora Vázquez 5

A rosa abría incontible os beizos para explicar, movida pola amargura e a dor da alma. Mais o paxaro alzara as ás, elevándose no aire prateado da noite luarenta, para ir chorar as súas desdichas de amor á  máis oculta matogueira.
A noite pareceu enfriarse de repente, e o silencio fíxose un novelo xelado. Bágoas coma pérolas foron medrando o esbarar polas meixelas da rosa, pasando a engrosar o caudal do regato. Xa nada, senón pranto, quedaba do seu amor. A lúa, compadecida da súa pena, agarimouna docemente. Resplandeceu a auga do arroio, e a imaxe do reiseñor xurdiu na superficie a rentes da auga. Ó mirala, a rosa tendeu os brazos cara ela con ansea tola. O pulo que a guiaba arrincouna do talo que a mantiña presa, e caiu sobre da corrente batendo contra a imaxe amada.
A flor decatábase do seu destino, pero parecíalle fermoso morrer sobre da imaxe do reiseñor. Pousou os labios nela con unción sentindo soame a frialdade líquida que a levaba con ela, ¿cara que abismo...? Deliraba. Soaban nos seus oídos as notas lonxanas das harmonías do canto namorado, e os seus ollos non perdían da vista a sombra do reiseñor. Unha felicidade suprema anegáballe o corazón, invadía todo o seu ser ata facerlle estalar as veas.
A corrente levaba os pétalos soltos distribuídos ó azar. Nos altores, as estrelas presenciaron a traxedia da rosa infeliz, que non atinara a contar do seu amor e que de amor morrera. Elas foron as mudas testemuñas do episodio que con tenra emoción contaban ás auras do día e da noite. A  historia, que transportaban os ventos nas súas plácidas ás azuadas, do reiseñor e a rosa que morreran por amor ¡Que souberan de amor morrer!...


"Cadros", Dora Vázquez

(Dora Vázquez nasceu no dia 21 de Agosto de 1913. Morreu em 2010.)

Sem comentários:

Enviar um comentário