Mostrar mensagens com a etiqueta Dora Vázquez. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Dora Vázquez. Mostrar todas as mensagens

sexta-feira, 21 de agosto de 2020

Dora Vázquez 6

A pombiña de Deus
[...]
A pomba nai deuse conta dos malos sentimentos que as crias ían mostrando contra a pombiña branca. E un día díxolles, antes de que se foran do niño:
- Non sexades ruins ca pombiña branca. Ela non se mete con vós. Aguanta as vosas picadas sen queixarse nin defenderse, porque é de bo corazón e non quere guerra. É unha pomba de Deus, e tédeslle envexa. Sede boas con ela, tratádea ben, con cariño, andai...
Mais as outras pombiñas, canto máis abondosa en pluma e brancura a vían medrar, máis envexa sentían cara ela. Ata que unha noite, notou as picadas no corpo tan fortes, que a arrempuxaron fora do niño onde durmía.
Quedou suspendida no aire da noite, e de súpeto as súas ás emprumadas e brancas, fixeron forza e abríronse, alzáronse, e encontrouse con que podía voar e fuxir.
E fuxiu ata unha árbore no escuro da noite, no que nunha pola estaba unha curuxa. Ó ver aquela ave branqueando, ceibou un berro longo que espaventou á pombiña de Deus, e a fixo dar volta e sair voando de onda ela. Voou de seguido ata cansar as ás, e pousouse na herba do monte nunha matugada chea de fentos. Entre as plantas se acobillou, chorou, e despois durmiu por primeiriña vez fora do niño do seu fogar, lonxe da súa nai e das outras pombas da cría.
[...]

"A pombiña de Deus", Dora Vázquez

(Dora Vázquez nasceu no dia 21 de Agosto de 1913. Morreu em 2010.)

quarta-feira, 21 de agosto de 2019

Dora Vázquez 5

A rosa abría incontible os beizos para explicar, movida pola amargura e a dor da alma. Mais o paxaro alzara as ás, elevándose no aire prateado da noite luarenta, para ir chorar as súas desdichas de amor á  máis oculta matogueira.
A noite pareceu enfriarse de repente, e o silencio fíxose un novelo xelado. Bágoas coma pérolas foron medrando o esbarar polas meixelas da rosa, pasando a engrosar o caudal do regato. Xa nada, senón pranto, quedaba do seu amor. A lúa, compadecida da súa pena, agarimouna docemente. Resplandeceu a auga do arroio, e a imaxe do reiseñor xurdiu na superficie a rentes da auga. Ó mirala, a rosa tendeu os brazos cara ela con ansea tola. O pulo que a guiaba arrincouna do talo que a mantiña presa, e caiu sobre da corrente batendo contra a imaxe amada.
A flor decatábase do seu destino, pero parecíalle fermoso morrer sobre da imaxe do reiseñor. Pousou os labios nela con unción sentindo soame a frialdade líquida que a levaba con ela, ¿cara que abismo...? Deliraba. Soaban nos seus oídos as notas lonxanas das harmonías do canto namorado, e os seus ollos non perdían da vista a sombra do reiseñor. Unha felicidade suprema anegáballe o corazón, invadía todo o seu ser ata facerlle estalar as veas.
A corrente levaba os pétalos soltos distribuídos ó azar. Nos altores, as estrelas presenciaron a traxedia da rosa infeliz, que non atinara a contar do seu amor e que de amor morrera. Elas foron as mudas testemuñas do episodio que con tenra emoción contaban ás auras do día e da noite. A  historia, que transportaban os ventos nas súas plácidas ás azuadas, do reiseñor e a rosa que morreran por amor ¡Que souberan de amor morrer!...


"Cadros", Dora Vázquez

(Dora Vázquez nasceu no dia 21 de Agosto de 1913. Morreu em 2010.)

terça-feira, 21 de agosto de 2018

Dora Vázquez 4

Unha noite desas solemnes e quedas do xullo, contaban as estrelas ás auras lixeiras a historia de amor dun reiseñor e unha tímida rosa. A mesma rosa que arrastraba a corrente dun arroio que a lúa bañaba con fulgores de prata.
Contábanlle que o canto do reiseñor era algo marabilloso. Os seus trinos vibrantes e melodiosos acendían as noites. Nas mesturas dos soutos e as carballeiras, escoitábano os outros paxaros espertos i encantados. Nos seus buratos detiñan os grilos o son dos seus élitros, e as ras deixaban de croar nas lagoas para escoitalo. Todo quedaba calado, nun lánguido silencio, no que soamente a gorxa prodixiosa do reiseñor degrañaba as súas belas cantigas na escuridade da noite.
Unha vez, ocurrera que unha noite o seu canto agromou máis doce e harmonioso que nunca soara. Saían da miuda gorxa notas que enxamais foran oídas. O silencio parecia máis intenso. A lúa, curiosa, incrinou á terra o seu perfil brillante, e o seu feixe resprandecente iluminou unha escena encantada.
Entre as follas das ponlas dunha roseira, alzábase, modesta e humilde unha bela, pero tímida rosa. E moi pretiño dela, chifraba o reiseñor a melodía do seu canto. A súa plumaxe brillaba na sombra do crepúsculo extrañamente, e nos seus ollos lucía a tenrura ollando para a flor. A rosa escoitábao caladiña, abraiada, emocionada. Polas súas meixelas deslizábase unha bágoa de felicidade, sentindo o corazón sumerxido no encanto do amor.

"Cadros", Dora Vázquez

(Dora Vázquez nasceu no dia 21 de Agosto de 1913. Morreu em 2010.)

segunda-feira, 21 de agosto de 2017

Dora Vázquez 3

A pombiña de Deus

Ela era unha pombiña branca, moi branca. Branca coma neve. Tan branquiña da pluma coma de alma. Entre a súa plumaxe non se vía ningunha sinal de outra cor. 
Era unha pomba de brancura ideal. De brancura perfecta, sen mancha no corpo nin na alma. Unha "pomba de Deus", como lle chamaba súa nai, que tiña a plumaxe toda pintada de cores. 
A súa nai vira como a pombiña ía medrando, cobríndose de branco, embelecéndose ata ser admirada polas outras pombas que con ela no mesmo niño se criaban. Mais logo, as aves irmás, de plumas coloradas coma a pomba nai, comezaron a mirala con envexa da súa beleza. 
Todo foi porque ningunha delas era branquiña coma ela. Branquiña de todo, coma ela. E todas as do niño querían ser tan brancas coma ela, a pomba que a súa nai chamaba "Pombiña de Deus", por iso, porque era toda branca, boa, e bonita. E xa lles estorbaba no niño; dábanlle picadas co bico no peito, facéndoa alonxarse delas e irse para onde a nai. E onda ela, a pomba choraba, baixiño... 
[...] 

Dora Vázquez 

(Dora Vázquez nasceu no dia 21 de Agosto de 1913. Morreu em 2010.)

domingo, 21 de agosto de 2016

Dora Vázquez 2

Marinheiro de mar

Mar em calma, mar azúl
é o da minha mar aberta,
onde os meus olhos se estendem,
onde o meu barco navega...
Marinheiro som de mar,
que vivo na mar aberta!
Nom te cambies tu de côr,
mar minha, pola tormenta...
Nom te avolvas com o vento,
que poidera o meu barquinho
ir-se a pique contra as penas.
Que eu som um marinheiro
que vivo na mar aberta!

"Campo e Mar Aberto", Dora Vázquez

(Dora Vázquez nasceu no dia 21 de Agosto de 1913. Morreu em 2010.)

sexta-feira, 21 de agosto de 2015

Dora Vázquez

Por qué te fuches?
 
Paseniño vou seguindo meu sendeiro outonizo,
sen aves xá e sen sol
- porta aberta ás saudades -
sen ollos pra piñal nen praia…

Inda non podo decatarme ben…!
Qué inquedos, dourados ouriolos,
che acenearon gasalleiros
pra tropicales ceos enxardelándoche as azas?
Ise fuxir das antergas illas,
ise non acougar que te queima,
isa arca das saudades que te envenena,
isa arela voráxine que te abocaba,
isa ardência xentil que te leva...!

Non tiñas cantarolas de paxaros montesíos,
agrinaldadas rosas, acendidas mañás,
fecundas tardes, milagreiros ceos?
Quén, agora, percurará as roseiras
e prantará xeráneos nos parterres,
pra o enlevo animoso das primaveiras?
Quén, no vran, abalará nas ponlas,
i-espirá os árboresdo maturecido froito,
e vendimará nas uvas?
Quén rirá i-acenderá na casa
o fogo das ledas canturias...?

Irmá: que nos fuxiras esí,
cós nosos paxaros todos da ledicia!


"Irmá",  Dora Vázquez

(Dora Vázquez nasceu no dia 21 de Agosto de 1913. Morreu em 2010.)