segunda-feira, 18 de março de 2019

Roberto Blanco Torres 4

A iniquidade

Como laboura a abella
zugando a mel pró alleo,
como na ovella infeliz
medra a lan para istrano leito,
e o boi, junguido ó arado
perpetúa o seu trafego,
arrecadando pró dono
o pan que ofrecen os eidos,
así traballan de cote
parias de tódolos tempos
os exércitos dos pobos,
os soldados verdadeiros.


Mentras na chouza indigente
rube unha oración ó ceo,
juntando co esforzo a fé
nun porvir mais farturento,
e o brazo do proletario
brega sin cesar a eito,
os apostados do mundo
(eu non sei por qué decreto)
para irlles zugando o sudore
que outros van botando arreo,
non teñen mais inquedanza
que soster seus privilexios.


Defenden a lei vigente
que lles ampara o dereito
á folganza i a sumire
o sangue do pobo enteco.
Defenden a monarquía,
anacrónico esperpento,
porque trai de longas épocas,
da lobregueza dos tempos,
unha tradición de aldrajes
e unha historia de atropellos.


Defenden a igrexa porque,
pervertído-los conceutos
da mesma sorte que as almas,
secas de diante o misterio,
da relixión fan peldaño
dos apetitos noxentos,
e coidan qu'o cristianismo
naceu pra meterlles medo
ós que arelando justicia
van de cabeza ó inferno
si se negan a ser carne
de cañón dos fariseos.


Defenden a aristocracia
(unha caterva de necios)
porque tódolos parásitos
s'entenden entr'eles mesmos.
Defenden a autoridade
porque nela ten sustento
a transgresión qu-os validos
fan da lei e do dereito.


¡E malia quen turbar ouse
o orde dos cimenterios!


"Orballo da Media Noite", Roberto Blanco Torres

(Roberto Blanco Torres nasceu no dia 18 de Março de 1891. Morreu em 1936.)

Sem comentários:

Enviar um comentário